Vaqueiros de tres pesetas

Rocío García a estrada

DEZA

FRANCISCO ROZADOS

En dous minutos | Vintecinco aniversario do peche do cine Colón de Forcarei Cando abreu a sala a entrada non chegaba a un peso e o público falaba cos cowboys da pantalla

05 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O último número da revista Cotaredo acaba de devolver á nenez a unha manchea de veciños que medraron asubiándolle a Carmen Sevilla desde as butacas de madeira do cine Colón de Forcarei. Os escritores Xosé Luis Barreiro Rivas e Francisco Rozados Rochi firman dous artigos capaces de encher de nostalxia ata ós que nunca tiveron a sorte de entrar na sala. No cine Colón de Forcarei proxectáronse en torno a 2.000 películas que fixeron as delicias de cinco xeracións. Aquela sala mítica, flanqueada polos retratos de Marisol e de Sara Montiel, foi fundada no 1947 por Gumersindo Pichel, un home emprendedor que rexentaba o colmado A Casa de Pichel e que se meteu a empresario de lecer coa apertura dunha sala de baile que foi a ruina das ruadas que por aquela época se estilaban nas palleiras. Pero Pichel decatouse de seguido de que o baile por si só non tiña futuro. Nenos, adolescentes, recén casados e maiores quedaban excluídos do mercado, que daquela se reducía ós «solteiros casadeiros». Entón invertiu preto de 60.000 pesetas en reformas para habilitar un cine e mercar a infraestructura técnica. Daquela eran moitos cartos. Mercou unha máquina de proxección OSSA como as que aínda funcionan hoxe nalgunhas salas de sudamérica e nomeou como proxector a Manuel Barreiro Ouro. A cámara cinematográfica, o equipo de son e a cabina ó completo do cine Colón aínda se conservan como testemuña viva dos tempos nos que o cine se estendía por España. Manuel Barreiro foi un dos primeiros proxeccionistas con carné oficial da provincia. Durante 34 anos exerceu como operador e como espectador privilexiado do misterio do cine nacente. A sala abreu as súas portas o 21 de novembro de 1947 cunha de vaqueiros: Galopa muchacho , dirixida por Arthur Lubin en 1942. Os que asistiron a aquela sesión de proba gratuita lembran aínda os berros cos que o público, que aínda non era capaz de discernir ben entre realidae e ficción, advertía ó cowboy protagonista da proximidade dos indios. As seguintes sesións costaron 3 pesetas para os homes, 2 para as mulleres e 1 para os mozos. A sala enchíase decotío, cunha media, na mellor época, de cinco películas ó mes: os sábados, os domingos e os días de feira. O cine pechou en marzo de 1986 con outro western, Culpable sin rostro . Nin o mellor dolby surround pode compararse coa maxia daquelas proxeccións primeiras.