Inxenio estradense para a TVG

Rocío García a estrada

DEZA

En dous minutos | «Maridos e mulleres», a versión galega de «Mujeres Desesperadas» A canle galega estrea hoxe unha comedia urbana guionizada por Victoriano Sierra

04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A Televisión de Galicia estrea hoxe unha serie con selo estradense. O guionista Victoriano Sierra é, xunto co vigués Carlos Portela, o creador dos argumentos e diálogos de Maridos e Mulleres , unha comedia urbana que se emitirá tódolos xoves en horario de máxima audiencia. A parella de guionistas contou ademáis co apoio de José Rubio para dialogar a serie. Ás súas frases poñeránlle voz e cara actrices como Laura Ponte, Dorotea Bárcena, Maxo Barjas ou Mónica Camaño. Na parte masculina do reparto están Pedro Alonso, Fernando Acebal ou Julio Pereira. A historia coa que a TVG pretende enganchar ás audiencias máis urbanas tén o seu referente en series como Mujeres desesperadas , A dos metros bajo tierra o Veciños, e en filmes como American Beauty . «Con ese punto de partida, do que se trata é de contar historias do día a día nas que o espectador se poida ver reflectido. As situacións cómicas baséanse no cotiá: un golpe co coche, un fillo que lle malla ó do veciño...», comenta o guionista. «É unha comedia intelixente, urbana e moi áxil, de diálogos moi rápidos», engade. Maridos e mulleres está orientada a un público de entre 15 e 50 anos e ambientada nun barrio residencial ás aforas dunha cidade galega calquera. Victoriano Sierra non quere desvelar nada sobre a trama, pero adianta que o primeiro capítulo comeza cun misterio que se irá resolvendo ó longo dos 26 capítulos que compoñen a primeira tempada. A proba de lume de Maridos e mulleres será esta noite ás 21.45 horas. A competencia será dura. Coincide coa enésima entrega de Gran Hermano en Tele 5 e coa incombustible Cuéntame de TVE1. O guionista estradense confía en que a ficción galega teña máis sorte cá de Ana Obregón, que só aguantou unha emisión fronte a Hospital central e dúas máis na noite dos luns.