En dous minutos | A labor de Cáritas Parroquial A Estrada A entidade benéfica pon en marcha todo tipo de proxectos dirixidos a mellorar as condicións de vida
27 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Cáritas Parroquial A Estrada comezou a funcionar alá polo ano 1997 e malia que ao principio era básicamente existencial, só distribuía alimentos e roupa, pronto se foron incorporando voluntarios do ámbito da educación que puxeron en marcha novos proxectos de promoción e atención ás persoas. Os primeiros programas de axuda foron dirixidos a infancia, a todos os nenos que, por un ou outro motivo, vivían nun entorno desestructurado. Así foron xurdindo actividades como as de Xeralteca, que traballa no eido escolar ofrecendo apoio e reforzo académico, programas de animación e lecer, no que os pequenos participan en diversos talleres e aulas de natureza, ou o servizo de ludoteca, que pon a disposición dos nenos un amplo espazo de xogo. Outra iniciativa de Cáritas foi a posta en marcha do campamento urbano Alfar, que dende o ano 1998 ofrece aos pequenos un amplo abano de actividades, e achega ademais os xogos e a animación aos nenos do rural co programa Brincando con Rufo, que comezará en outubro e visitará diversas parroquias estradenses. Cáritas Parroquial A Estrada axuda tamén aos adultos máis desfavorecidos e conta con programas como os de atención social e atención a domicilio, terapias grupais para alcohólicos, charlas de orientación laboral ou a campaña Operación Kilo, que o vindeiro mes de decembro voltará a iniciar o seu programa de recollida de alimentos. Esta entidade benéfica dispón ademais dun programa de atención a inmigrantes, aos que ofrece asistencia xurídica e orientación na búsqueda de emprego.