Entrevista | Rocío García Eiras A xogadora lalinense do ARVO de Ourense ven de aterrar en Galicia. Faino como unha das mellores do Mundial, e cunha proposta da primeira división canadiense
20 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Recén chegada de Canadá, e cos síntomas do jet lag aínda coleando, unha feliz Rocío García Eiras fixo onte balance da súa partipación no Mundial de rugbi, así como da súa eleción como pilier do equipo ideal do campionato do mundo. -Marchas para Canadá con certas dúbidas por culpa dunha lesión, e voltas como unha das 15 mellores xogadoras do Mundial. ¿Cómo recibiches a noticia? -Foi unha auténtica sorpresa. Non contaba para nada vendo os equipos e as xogadoras que había alí. Cando chegamos a Canadá pensamos, ¿qué facemos nós aquí? De súpeto, no acto de clausura do Mundial comezan a nomear o quince ideal, ¡e fun a primeira!. Case nin o cría. -E iso, xogando só tres encontros. -Sí. Tres partidos, e non completos. Ao primerio pensaba que non merecía entrar nese quince ideal, pero despois púxenme a pensar no ano que levo, no esforzo, e en todo o que sofres para chegar alí. Que cho recoñezan, é incrible, porque ves o sacrificio recoñecido. -De feito, pensaches non chegar ao Mundial, non? -En agosto, cando me lesionei, xa pensei que non daría estado. Levaba un ano preparándome para o campionato, e catro pensando nel. De súpeto, lesiónome -lembra unha emocionada Rocío- e xa pensei que se acabaran as opcións. A semana anterior a ir a Edmonton, só podía correr, non adestraba con normalidade, pero fun. -Unha vez alí, as cousas tampouco foron sinxelas, ¿non? -Non. O primeiro partido xogueino case todo, e acabei con moita dor no cuádriceps. Contra Canadá acabei resentida do cuádriceps e do talón dereito. Estiven unha semana de reposo total traballando eu soa no ximnasio e na piscina. O último partido xa sí que saín a por todas, aínda que rachara, había que dar o cen por cen, e así o fixen. Agora é cando tiña que empezar o meu Mundial. -¿O campionato do mundo era o máximo ou aínda che queda algún obxectivo? -O Mundial é a máxima competición, e era o meu obxectivo. Cheguei ata aquí, e máis aló non hai moito. -¿O recoñecemento dos especialistas en Canadá, viuse traducido nalgunha oferta? -Sí, algo hai. Un equipo de Canadá fíxome unha oferta para xogar alí. É un conxunto da primeira división que aportou tres xogadoras á súa selección. -¿Xa tomaches algunha decisión? -Non, teño tempo de pensalo. Estarei en contacto co equipo, e pensareino moito. Aínda teño tempo, porque alí a liga comeza en maio, e prolóngase ata setembro, co cal aínda podo meditalo, e ao ser durente eses meses, tampouco me racharía o curso para nada. Cando marchaba para Canadá dicía na casa de broma que igual xa quedaba alí a xogar, e de súpeto ofrécenme a posibilidade. -¿E mentras? -Pois polo momento, tomar unhas vacacións. Teño xa moitas ganas de ir a ver ás rapazas de Ourense e comezar a traballar con elas. Despois teño o campionato de España coa Galega, e en abril o Europeo.