O ex vicepresidente primeiro porá diñeiro do seu peto para captar 30.000 euros para o club O directivo expulsado amósase proclive a condonar os 4.200 euros que lle debe a entidade
12 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A intrahistoria do Club Deportivo Lalín ofrece numerosos episodios chamativos ao longo dos seus 32 anos de transcurso. José García García, O Peixeiro de Cirela, é o protagonista do último deles, logo de asumir desde hoxe a búsqueda e recadación dos ingresos por publicidade do C.D. Lalín 2006/07. Ex vicepresidente primeiro da entidade roxinegra, O Peixeiro de Cirela fora expulsado da directiva do club na Semana Santa. Foino logo de anunciar publicamente que el e a metade da directiva afín á súa persoa abandonarían os seus cargos a finais da tempada en desacordo coa continuidade de José Manuel Alonso Acevedo á fronte do equipo de Terceira División. O propio presidente do C.D. Lalín, Amandio De Bessa, lle comunicara o seu cese fulminante nos minutos previos do partido contra o Caselas. O certo é que ambas partes selaran xa as paces na asemblea xeral ordinaria que o club celebrou a finais de xuño. Entón O Peixeiro de Cirela alabou ante os socios presentes a figura e a xestión de De Bessa, que por outro lado sempre enxalzara, mesmo tralo seu cese. A resposta da directiva foi entón agradecerlle a José García os seus servicios, e abrir a posibilidade dunha futura colaboración. O Peixeiro de Cirela explicou onte que foi De Bessa quen lle pedíu que xestionase os ingresos por publicidade, convencéndoo tras tres comidas de traballo. E é que, comenta o ex vicepresidente primeiro, «as empresas coas que falaran cobrábanlles o 45% dos ingresos que conseguiran». El, en cambio, no se quedará cun só peso. Ao contrario, «voume dedicar durante dous meses de luns a xoves a buscar diñeiro para o Lalín cun traballador meu. Os gastos que teñamos corren da miña conta». Por non cobrar, O Peixeiro de Cirela semella mesmo disposto a condonar os 4.200 euros que o C.D. Lalín lle adebeda desde hai dúas tempadas: «Se ao final da tempada mos queren pagar, ben. Se non, non vou levar a directiva ao xulgado», di. Esixe resultados deportivos O obxectivo de José García é «xuntar o diñeiro do ano pasado, uns 30.000 euros, ou algo máis». O único que reclama a día de hoxe é disfrutar dunha gran tempada do equipo. Porque «o que non quero é sacrificar dous meses de traballo e ver que o Lalín dá pena».