Solaina, afillada do museo de Piloño, coñece a fundación

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

En dous minutos | Unha visita agardada A embaixadora, nada en Venezuela, coñeceu aos seus dez padriños galegos

11 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Con tan só ano e medio pregoa o nome de Solaina a miles de quilómetros da parroquia de Piloño, en Vila de Cruces. Os membros do padroado da Fundación Casa Museo A Solaina estaban a buscar unha afillada que levara precisamente o nome deste gran rincón da arte, enclavado no noso rural galego. O desexo veuse colmado co nacemento de Solaina María Lareo Chacón, filla dun sobriño do presidente da fundación, que por primeira vez visita Galicia. «Para nós é un orgullo contar cunha afillada de honra da Solaina e que sexa a nosa embaixadora da fundación. Mantivemos unha reunión extraordinaria do padroado para que todos os seus membros tiveran a oportunidade de coñecela, e imos facerlle entrega dun diploma de honra. Non todos teñen tantos padriños, dez en total», explica o presidente da Fundación A Solaina Paco Lareo Morao. Para o artista cruceño os últimos meses foron de moito traballo. «Proba delo é que levo dous meses sen tempo para cortarme o pelo», conta cun sorriso. No pasado mes de agosto, do 9 ao 21, participou en Macedonia nun intercambio de artistas. Paco Lareo foi o único representante español, quen xunto a outros once artistas procedentes de países do leste, Grecia, Inglaterra e Nova Iorque, adicaron boa parte do seu tempo a crear. «Os intercambios son máis valiosos ca pintar un cadro. Cada un de nós tiña un estudio para crear e flotaba no aire unha sana competencia. Agora, o froito do noso traballo, exporase no Museo Nacional de Macedonia no vindeiro mes de novembro», puntualiza Lareo. O artista de Piloño fixo tres obras: A estrela do bucéfalo , Montaña de toro e Camuflaxe amarelo , traballos inspirados na altura dos cumes das montañas, nas grandes penedas e no verdor dos bosques de pinos roxos e negros da zona. «Un verde moi distinto ao noso que eu observaba con moita atención xusto cando en Galiza se sucedían os lumes forestais. Foi unha experiencia moi boa e cabe a posibilidade agora de intercambiar exposicións enteiras do Museo Nacional con mostras de artistas de aquí».