Voráxine festiva

DEZA

O SOL | O |

01 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

«BENVIDOS A AGOSTO, mes das olleiras». Este letreiro podería colocarse estilo «mojón» informativo en calquera sitio e non estariamos dicindo mentira ningunha. Durante o verán en Galicia tomámonos a revancha dos duros meses de inverno, e celebramos todo o celebrable (e tamén o incelebrable) sen pudor algún. Agosto é o mes por excelencia para o temporal de festexos. Sen dúbida. No Deza e en Tabeirós, por non rachar a costume galega, os eventos festivos sucédense sen compaixón. Da igual que sexa unha vila grande ou unha aldea pequerrecha. Neste tempo sácanse cartos de onde non os hai para honrar a bombo e platillo (e con batería, baixo e trompeta) ao protagonista do santoral do día. Como en Galicia se por algo nos distinguimos é polo bo comer, cando o santoral non é suficiente, botamos man da comida, ese gran alidado que nos ameniza todas as celebracións. As festas gastronómicas son un caixón inesgotable de excusas estilo dous por un. Cunha soa celebración, enchemos o bandullo ao tempo que montamos troula con grupos folklóricos, bandas, orquestras, e charangas, eses grupos amigos que converten en hits clásicos inesquecibles estilo La ventanita . Que bos momentos se pasan seguindo as charangas!. A voráxine festiva inherente ao mes de agosto ten certas consecuencias. Olleiras profundas, profundas coma buracos negros; cansanzo; baixo rendemento laboral (para os que non desfrutan diso que chaman vacacións); carteiras que ocupan menos nos petos, e michelíns que ocupan máis nos pantalóns. Porque por moito que se persiga aos das charangas, por moito que se gasten zapatillas nos campos da festa, e por moito que o corpo degaste, as festas, sobre todo as gastronómicas, van coa peaxe dos quilos de serie . E moito máis en Galicia, onde a palabra mesura non soe ir na mesma frase ca comida.