Entrevista | Mónica Trujillo Souto
31 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Mónica Trujillo era a media tarde de onte unha máis entre os milleiros de pasaxeiros que días despois aínda seguían padecendo a folga ilegal do persoal de terra de Iberia no aeroporto barcelonés de El Prat. Con 16 anos a piques de cumprir nin o impacto de saberse campiona de España fai mella no carácter dunha rapaza seria, que cada día busca superarse baixo as premisas do sacrificio, o traballo duro e a conciencia de que o deportista é o primeiro responsable dos seus éxitos e fracasos. Despois de 7 anos loitando e competindo por estar entre as mellores, a mellor deportista silledense da historia só quere pensar agora en disfrutar das súas vacacións coa familia que tanto a ten apoiado, para regrasaar con ansia renovada ás piscinas. -¿Algunha vez pensou que chegaría a ser campiona de España? -Non. Eu vía que podía pelexar por estar entre as mellores, pero tamén que era moi difícil ser a primeira. Da miña idade hai xente moi boa en bolboreta. -¿Cal é o camiño que a levou a conquistar un título e un subcampionato nacionais? -Traballar moito, ser responsable do que fago e ter as ideas fixas. Desde a chegada de Émerson ao club, hai 4 anos, adestrámonos catro horas diarias catro días á semana. E desde o ano pasado os martes e os venres nadamos a maiores de 6 e media a 8 da mañá. -Hai xente que se pregunta se a unha rapaza de 15 anos lle paga a pena sacrificarse tanto por un deporte minoritario... -Ninguén que practica a natación de competición pensa en que vai gañar tantos cartos coma no fútbol. Eu non podo vivir da natación, teño que seguir estudiando. Pero para min o sacrificio feito este ano está recompensado coas dúas medallas nos Campionatos de España. Dedicarte á natación de competición esixe primeiro que che guste este deporte. E logo, o apoio da familia é moi importante. Porque durante a tempada tes momentos bos, pero tamén malos nos que precisas ánimo. Ademais das medallas, a natación ofréceche a recompensa da felicidade que lles das aos teus. -O seu adestrador ten sona de ser duro... -Si. Pero tamén se precisa dalguén que saiba levarnos. Non é que teña que estar enriba de nós, porque o responsable de cumprir cos adestramentos tes que ser ti mesmo. Pero nun equipo si se precisa dalguén esixente para conseguir bos resultados. -¿É posible compatibilizar un réxime de adestramentos como o do Club Natación Lalín cos estudios? -É moi difícil. Pero sen os estudios sei que non vou dar feito nada na vida, porque a natación non me vai dar de comer. Teño que estar ben nos dous aspectos, e non descoido unha cousa pola outra. -¿Lalín é un bo lugar para a práctica da natación de competición? -Non. Primeiro, porque non hai as instalacións apropiadas. A piscina está máis ou menos ben pero, por exemplo, precisamos dun ximnasio. Agora temos que facer pesas no ximnasio do instituto. E despois está o problema do uso da piscina, na que non podemos estar tódalas horas que precisamos, polo que temos que facer uns adestramentos moi fortes en tan pouco tempo. No Deza non se apoia a natación. Na nosa bisbarra o apoio ao deporte céntrase no fútbol e no balonmán. -¿Como se ve o futuro subida ao máis alto dun podio nacional? -Paréceme moi difícil poder voltar a repetir os resultados deste ano. A vindeira tempada cambio de categoría, da G4 á G5. Eu vou seguir traballando para poder voltar a conseguir resultados como os do campionato de Barcelona. Solicitei o ingreso no Centro de Tecnificación de Pontevedra e conto que me resposten a mediados de agosto. Se me colleran resultaríame máis doado poder compaxinar a natación e os meus estudios. -Tocaránlle vacacións como a todo deportista... -Agora vou descansar ata o 1 de setembro, cando tocará voltar aos adestramentos no Club Natación Lalín. Aproveitarei o tempo para estar coa miña familia, porque durante a tempada a penas tiven a ocasión de facelo entre os estudios e a natación.