O Casino está ao servizo do socio, puntualiza Daniel González Alén. «Nembargantes tamén temos as portas abertas aos colectivos que precisan das instalacións para reunirse. Estamos nun sitio céntrico é nótase a demanda. Colaboramos co Concello ao longo de todo o ano, servimos de vestiario para os cantantes que actúan nas festas, prestamos a electricidade, a megafonía para actuacións, e aquelas asociacións que están en precario veñen a pedirnos que lles deixemos un local para facer as súas reunións. Os clubes de fútbol, axedrez e rugbi celebran aquí asembleas, O colectivo Pai Arnego e os músicos do Conservatorio Folque tamén veñen aquí. Cedémoslles os locais de balde, estamos abertos a todo tipo de iniciativas que se nos presenten». O Casino atópase actualmente pechado, ata finais de mes, por descanso de persoal e para realizar pequenas reformas, que se centrarán nesta ocasión nunha limpeza integral.