Unha bicoca de boca en boca, contos para todas as estacións

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

En dous minutos | A tradición oral segue viva en Deza Son un dúo, pero non dinámico. Aerodinámico. Celso e Palitos xa levantan paixóns

03 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O seu é paixón polas contadas. Celso Fernández fala sempre con emoción dos contos que lle relataba seu avó. Para Fernando Palitos , «foron tamén os avós, os veciños de Oleiros en Silleda os que me contaron moitas historias. Tiven a sorte de pasar boa parte da miña vida no campo e alí existe esa tradición de contar. Mesmo tiñamos un home na nosa granxa de vacas, que morreu o ano pasado, e era un mestro á hora de contar cousas». Celso Fernández, Celsiño para moitos, leva entre doce e quince anos de contacontos; Palitos considérase aínda un alumnos e a Celso o seu maestro. Leva tres ou catro anos contando. «Un pouco de casualidade e tamén porque me animaron e persoalmente me gusta facelo. Xa coñecía a Celso e decidimos levar a cabo algunha contada en establecementos lalinenses». E aí naceu o dúo, pero non sempre actúan xuntos. Celso Fernández acaba de rematar dous meses de intenso traballo. «Sempre que chega a celebración das Letras Galegas choven as peticións para facer contadas en colexios e en asociacións de toda Galiza. Os meses de abril e maio son sempre moi intensos». Onte mesmo estiveron ambos en Carboeiro, nos séptimos Encontros de Música Tradicional presentando a súa Bicoca de boca en boca. «Pois é así de sinxelo. Poder contar é unha bicoca e está de boca en boca, a tradición oral é riquísima e é preciso aproveitar ao máximo todo o que poden contarnos os nosos maiores. Hai que saber escoitar e logo contar», manifestou Celso Fernández.