Diego Maroño, bronce sub 21 no Galego de Contrarreloxio

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

C.C. ESTRADENSE

O ciclista do Hierros Diego rematou a 1,42 do gañador, David Abal Mourón marcou o quinto mellor tempo en categoría sub 23 e Jesús González o sétimo en elite

17 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Dous anos despois, o Club Ciclista Estradense-Hierros Diego volta a contar cun medallista no Campionato Galego de Contrarreloxio Individual (CRI). Onte en Padrón Diego Maroño subíuse ao terceiro chanzo do podio da categoría sub 21. A promesa do equipo de Tabeirós-Montes percorreu os 19 quilómetros do trazado da proba en 26 minutos e 39 segundos, empregando 1 minuto e 42 segundos máis có gañador e defensor do título, David Abal ((Wurth-Liberty Seguros), e 50 segundos máis có segundo, Delio Fernández (Caja Rural de Navarra). O Hierros Diego contou tamén en categoría sub 21 coa participación de Óscar García, sétimo a 2 minutos e 40 segundos do campeón galego, David González, undécimo a 3,43, Ismael Bouzas, decimocuarto a 4,02, Gonzalo Freije, decimoquinto a 4,08, e Diego López, decimosexto a 4,12. Outro home destacado nas filas do conxunto estradense foi Juan Mourón. Pesie a non competir nin moito menos na súa especialidade, Mourón estableceu o quinto mellor tempo na categoría sub 23, a 1 minuto e 39 segundos do vencedor, Gonzalo Rabuñal (Cambre-Frisonoble), campión autonómico por segundo ano consecutivo ao igual cá Abal. David Maroño foi noveno a 3,05 de Rabuñal. Meritoria foi tamén a sétima praza de Jesús González en elite. O ciclista do Hierros Diego marcou 1 minuto e 13 segundos máis có primer clasificado, Antonio Dacasa (SuperFroiz). Alejandro Magallanes (SuperFroiz) e Moisés Ardao (Caixanova) completaron o podio da categoría, con Rubén Brage decimonoveno (a 2,37 do vencedor), Chema Rodríguez vixesimosegundo (a 3,06) e Agustín Gómez vixesimocuarto (a 4,06). O director deportivo do C.C. Estradense-Hierros Diego, Ricardo Terceiro, comentou onte que Diego Maroño "demostrou que é un bo contrarreloxista, e que con el teremos unha opción para loitar nos vindeiros anos por medalla no Campeonato Galego de CRI". Ademais, o responsable técnico do equipo estradense subliñou a importancia da actuación de Jesús González, xa que "o seu sétimo posto demostra que está indo a máis", e esa é unha importante nova para o Hierros Diego. Fin de semana atarefado Esta será unha longa semana para os corredores do Hierros Diego. A ducia de efectivos do equipo deberán dosificar as súas forzas e repartirse para atender os tres compromisos que o equipo ten adquiridos para o sábado e o domingo. O primeiro día o Hierros Diego participará na Vuelta al Occidente de Asturias, e na xornada seguinte na Vuelta al Oriente de Asturias e máis no Memorial Txuma, cita vasca de prestixio a nivel mundial reservada a ciclistas sub 23.