«Se a fase fose aquí pasariamos»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

MIGUEL SOUTO

Análise | Xosé Couso valora a actuación do C.B. Lalín en Palma del Río O técnico dezao di que «nos faltou un pelín de sorte e de concentración en certos momentos», recibindo «un castigo excesivo» nun torneo cunha arbitraxe que «sempre nos prexudicou»

01 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A expedición do C.B. Lalín chegou onte á capital dezá ás cinco e media da mañá, logo de trece horas e media en bus desde Palma del Río. Pola tarde, o seu técnico manifestou a súa satisfacción polo papel do equipo na fase de ascenso. Xosé Couso recoñeceu estar «un pouco triste, porque agardaba que fixeramos máis», para sinalar acto seguido que «recibimos un castigo excesivo vista a nosa actuación». Para el a clave da non clasificación do C.B. Lalín para a segunda ronda estivo «nos 10 primeiros minutos da segunda parte contra o ARS. Faltounos un pelín de sorte e de concentración. Do contrario teriamos chegado igualados aos últimos minutos co equipo anfitrión, e aínda que perdésemos de 1 ou 2 goles, as nosas opcións fronte ao Anaitasuna o último día serían moi diferentes». Couso tamén subliñou a importancia da actuación arbitral, que «a nós sempre nos prexudicou. Os colexiados foron moi caseiros». Botando a vista atrás, o preparador di que «temos que estar satisfeitos. Sobre todo a nivel defensivo. Esta era unha loita desigual, entre un equipo con 11 millóns de pesetas de orzamento para o seu primeiro plantel e algún como o ARS, con 35 ou 40». Couso tamén analizou para La Voz de Galicia a actuación de cada un dos seus homes. Pablo Pedreira: Excepcional. Foi sen dúbida, e pesie ao enorme nivel do torneo, o mellor porteiro do sector. Durán: Un gran porteiro. Xogou pouco pola gran forma de Pablo, pero é imprescindible para o equipo. Agustín: Fixo unha tempada excelente, na que mellorou moitísimo a base de moito traballo. É o futuro porteiro do equipo, pesie a non xogar. Josiño e Gustavo: Excelentes. Sacrificáronse moito, amosando un nivel moi alto en defensa, axudando a tapar as zonas interiores, ás veces pelexando con pivotes e xente moito máis grande cá eles. Martín: Chegou á fase logo dun problema nun nocelo e dun forte proceso gripal, e non puido rendir ao seu nivel habitual. Só xogou contra os cataláns, marcando 6 goles. Camilo: Como sempre ofreceunos unha regularidade impresionante, roubando balóns e marcando ao contragolpe. Nun torneo de 3 días é imprescindible ter alguén así. J. Gulías: Fenomenal. O líder e o baluarte da nosa defensa. Sinaláronlle moitas faltas que non fixo, fronte a homes moito máis corpulentos cá el. Roberto Álvarez e Borja: Fixérono ben nos poucos minutos que xogaron, contra o Anaitasuna. Pedíaselles que non desentonaran, que fixeran unha boa defensa e que aproveitaran as súas oportunidades no ataque, e fixérono. Granja e Antío: Regularidade excelente. Dous pivotes baixos para esta categoría, de 1,75 metros fronte a rivais de 1,90. Traballaron moi ben ocupando espacios no ataque, con Antío máis acertado cara o gol e Granja brillante en defensa. Sieiro: Moveu ben o equipo, con decisións case sempre acertadas. Faltoulle un pouco de sorte no tiro. Rubén: Brillante. Saíulle todo. En ataque sempre foi a referencia. Se non foi o mellor, si un dos mellores xogadores de todo o torneo. Pincho: Ben. Pero nalgún partido lle puido a ansiedade ao entender que tiña que ser un referente para o equipo. Porto: Para sacarse o sombreiro. É un luxo ter a un xogador de 18 anos coa súa entrega e que resposte á confianza e á responsabilidade que se lle deu. Saíu de cara co Anaitasuna, e non sabían como paralo. Tivo algúns lapsus defensivos, pero é comprensible. Pachi: Sacrificadísmo. É un todoterreo, como Gulías. Non pide nada e dá todo, xogando en calquera posto da primeira liña. Pronto será insutituíble na defensa.