Reportaxe | Centenario de Xosé Benito González, fundador de Os Dezas O 23 de abril de 1906 nacía o autor da «Marcha procesional de San Benito», que gravou Milladoiro, o maior dunha familia que daría un director da banda e da Caracas
22 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?ai hoxe cen anos nacía en Moneixas Xosé Benito González, o máis vello de oito irmáns que, pasados os anos, se convertirían nunha saga musical de Lalín. Xosé Benito aprendeu de neno o oficio de seu pai, zapateiro, pero no 1920 entraba a formar parte dun grupo de catro guitarras e catro bandurrias de man do cura da parroquia. Como queira que naqueles anos non había cartos para amañar as cordas que se estragaban, fixeron unhas gaitas: do 1920 a 1923, cun mestre de O Carballiño, formaron o grupo Os Dezas, que tocaron no recibimento ao aviador Loriga na súa aterraxe no monte do Toxo no ano 1927. A emigración levouno en 1930 a Cuba, onde se fixo cargo da zapatería do seu pai. Aos catro anos regresou a Galicia, compaxinando o seu traballo como zapateiro coa súa paixón pola música. A súa neta, Carmen Baldonedo, suliña tamén a súa tarefa como compositor, con temas como o pasodobre Lalín e a Marcha procesional de San Benito. Esta última peza sería gravada, anos máis tarde, polo grupo Milladoiro: Carmen lembra a satisfacción que tivo Xosé Benito cando veu actuar en Lalín ao famoso grupo interpretando a súa composición. Xosé Benito González foi o encargado de facer os arranxos dos temas de Os Dezas, que levaron o nome de Moneixas por toda España dende a década dos anos 60. Deste xeito, no ano 1968 estiveron na Casa de Campo de Madrid, onde actuaron dezaoito días. Tamén levaron o seu arte a Porto de Sagunto, en Valencia, a Asturias, e a tantos outros lugares, ata a súa desaparición no ano 1984. Unha familia de músicos Xosé Benito González, de quen hoxe se cumpre o centenario do seu nacemento, finou o 23 de febreiro de 1990 na súa casa de Moneixas, como lembra a súa neta Carmen Baldonedo, que non quere deixar pasar esta data sen lembrar ao célebre Gaiteiro de Moneixas, iniciador dunha saga musical. O seu irmán, Claudio González, foi director da banda de Lalín; outro irmán, Julio González, foi director da orquesta Caracas; e Ismael e Darío foron compoñentes de Os Dezas, como os seus primos Laureano e Manolo, e os fillos deste ultimo, Mario e Alfonso, sinala Carmen Baldonedo, quen relata orgullosa a historia desta saga musical.