O Peixeiro de Cirela abandonará o club ao final da tempada acompañado por tres vocais O equipo de Amandio De Bessa quedaráse reducido a cinco membros unha vez se produza a renuncia
10 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A crise resulta xa case un estado permanente no seo do Club Deportivo Lalín. E crise é a que se lle presenta no horizonte ao presidente do club roxinegro, Amandio De Bessa. José García, Peixeiro de Cirela e vicepresidente primeiro da sociedade deportiva dezá, adoptou a decisión de abandoar a cúpula do C.D. Lalín a finais da presente tempada acompañado da metade da directiva: o seu fillo, José Luis García Cacheda, José Manuel Pereiro e María Teresa Castro. O encargado dos ingresos por publicidade da entidade roxinegra, que este ano conseguíu incrementar en máis de 6.000 euros, non marcha en desacordo co presidente. Ao contrario, o Peixeiro de Cirela respalda en liñas xerais a xestión de Amandio De Bessa. Sobre todo, logo de que o mandatario portugués dese pechado un acordo de pago fraccionado da débeda do C.D. Lalín con Facenda. Co apartado institucional fóra de discusión, a causa da drástica decisión do vicepresidente primeiro hai que buscala na política deportiva do grupo de De Bessa. E é que o Peixeiro de Cirela non está disposto a continuar nunha directiva que apoia a continuidade de José Manuel Alonso Acevedo a vindeira tempada á fronte do primeiro plantel do C.D. Lalín. Ni a continuidade do técnico asturiano, nin a do delegado do equipo e vocal da directiva, José Lorenzo González. O certo é que o Peixeiro de Cirela leva moito tempo amosando abertamente en público a súa disconformidade co fútbol practicado polo conxunto de Acevedo. Moitos son os afeccionados que durante as últimas semanas puideron escoitar nos partidos de Liga no Manuel Ángel Cortizo as queixas do vicepresidente primeiro polo xogo do equipo. E tamén como o Peixeiro de Cirela responsabiliza a Acevedo da profunda crise de resultados na que vive instalado o C.D. Lalín desde o mes de novembro, con só 15 puntos sumados dos 57 en xogo desde entón. De feito, eses malos resultados terían posto en perigo o cargo do preparador de La Caridad, que no recente partido co Val, o pasado día 2, se xogou bastante máis cós 3 puntos en disputa. Preguntado sobre a súa decisión, da que xa se fala ampliamente entre os afeccionados de Lalín, tanto o Peixeiro de Cirela como os outros tres directivos que se marcharán con él afirmaron que «nin confirmamos nin desmentimos» a nova, emprazando calquera declaración ao respecto ao final da tempada: «falaremos na asemblea do club». De non conseguir facerlles cambiar de opinión, se é que lle interesa, Amandio De Bessa quedaríase con só catro directivos máis no seu equipo. José Bahamonde, vicepresidente segundo, José Manuel Fernández, patrocinador do equipo e vicepresidente terceiro, e os vocais Ana María de Sousa, esposa de De Bessa, e José Lorenzo González, delegado do primeiro plantel. Pola súa banda, Manuel Montoto Quinteiro abandonou o club hai varios meses, da noite para a mañá e sen darlle explicacións a ninguén. Fiel ás súas ideas Esta non é a primeira vez que o Peixeiro de Cirela renuncia a unha directiva do C.D. Lalín. Xa o fixo formando parte do breve mandato do equipo de Juan Suárez Carbia en xullo do ano pasado. Fíxoo para integrarse na directiva de Amandio De Bessa, convencido de que deste xeito podería traballar mellor a prol do club roxinegro. Unha mentalidade que tamén levou o vicepresidente primeiro a amagar coa súa marcha a finais de agosto, ás tres semanas da toma de poder da directiva de De Bessa, cando o Concello desmentíu que fose patrocinar o equipo. Fiel ás súas ideas, tan só a marcha de Acevedo e o delegado do C.D. Lalín semellan poder facer cambiar de opinión a José García García.