O Manuel Ferreiro apadriña un proxecto educativo en Zambia

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

En dous minutos | Unha asociación solidaria

07 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación Cultural Manuel Ferreiro de Lalín, que preside Soledad Sánchez, decidiu colaborar cunha comunidade de familias africana de Lusaka (Zambia), que conseguiu por en funcionamento nun dos barrios máis pobres da zona unha pequena escola para os seus fillos. «Na asociación tivemos coñecemento desta cuestión a través dun amigo que ten alí unha prima, Begoña Méndez, que é unha lalinense que comezou a cooperar altruistamente con dita escola o ano pasado. Fixo donacións de material informático vello e recolle fondos onde pode para que a escola sega funcionando. Deste xeito pedíronnos que o 0,7% dos nosos ingresos anuais foran a parar a este proxecto. Nós xa tiñamos a intención de dalos a unha organización non gubernamental, e por unanimidade dos socios decidiuse mandar os 70 euros para alí. É pouco pero permitirá que a escola teña maestro durante dous meses, é o soldo que cobran», explica Soledad Sánchez. Por outra banda, a asociación lalinense decidiu apadriñar este proxecto ao longo de todo este ano e irá recadando fondos de todos aqueles cidadáns que queiran colaborar «e aproveitaremos cando fagamos algún acto na sede da asociación para pedir a axuda desinteresada de todos os asistentes». A Asociación Cultural Manuel Ferreiro celebra este ano o seu décimo aniversario e con tal motivo está previsto se instaure un premio anual, que levará o nome do que fora alcalde de Lalín. A intención é premiar a potenciación dos valores de convivencia e de solidaridade humana así como a promoción ou creación de servicios sociais, culturais e medioambientais. «Xa estamos a barallar varios nomes de posibles premiados pero os socios poden aportarnos as súas suxerencias, todas serán atendidas e valoradas pola xunta directiva», sinalan dende o colectivo.