«Estamos ben co que temos, pero todo o que veña á rede é peixe»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

O futuro das instalacións deportivas de Lalín a debate (VII) | Manuel Fernández Desde a óptica dun ex usuario Fernández cre que os pavillóns municipais son suficientes pero moi mellorables, e pensa que Crespo non poderá conseguir un Multiusos express

20 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O Club Tenis de Mesa Lalín cumpríu o pasado outubro o seu décimo aniversario, ao que chegou con tres equipos federados e 27 xogadores nas súas filas. A finais do 2004 a entidade mudouse desde o Pavillón Municipal ás instalacións deportivas do novo Colexio Manuel Rivero, onde o C.T.M. Lalín está encantado, afirma o seu presidente. Iso non significa nembargante que o club renuncie a mellores instalacións. -¿O deporte de Lalín precisa de novas instalacións con urxencia? Temos dous pavillóns no Municipal, o de goma e o de cemento, o do Comarcal, o do Colexio Manuel Rivero, o de Cercio, o de Vilatuxe, o de Prado. Desde ese punto de vista, quizais non. Que precisemos de cousas mellores, seguramente si. -O Concello prometeu un Multiusos rematado ou moi avanzado antes das vindeiras eleccións municipais, en xuño do ano que vén... -Supoño que se consegue os apoios precisos, da Xunta neste caso, imaxino que será así. Pero extrañaríame que o fixera. E se non os ten, evidentemente non creo que dea cumprido a promesa. -¿Que opinión lle merece o anteproxecto de Multiusos presentado polo goberno local en xuño do 2004? -Se son sincero, non o recordo moito. Teño unha lixeira noción de que contaba con dúas pistas pegadas... -¿Como valora a proposta de Multiusos do PSOE? -Todo o que sexan iniciativas a prol do deporte benvidas sexan. O que pasa é que en principio a nós o Multiusos afortunadamente, ao contar coas instalacións do Manuel Rivero para nós, non nos afectaría demasiado. A non ser que no futuro recinto houbese unha sala de uso exclusivo para o tenis de mesa, onde puidésemos deixar permanentemente as mesas montadas co seu marcador de competición, o reloxio... -¿O C.T.M. Lalín dáse por satisfeito coas instalacións das que agora dispón? -Por suposto que si. A tódolos niveis, tanto por instalacións, como por horarios, como por disponibilidade. Somos nese aspecto un club raro entre comiñas. Todo o mundo fai deporte no Pavillón Municipal e nós dispoñemos dun local a parte co cal, que fagan un multiusos ou non a nós non nos afectaría demasiado. -¿De quen depende o uso do recinto do Manuel Rivero? -A petición de usar as súas instalacións presentámoslla ao Consello Escolar, no que creo que está representado o Concello. Pero realmente quen ten a potestade sobre o recinto é a Xunta. -¿Que lle parece o proxecto de xestión integral do deporte do BNG? -Se digo a verdade, non oín falar del. Non me soa. -Circunvalación. Zona deportiva. ¿Cal debería ser a ubicación do futuro recinto polideportivo? -A zona que tivese mellor aparcamento e acceso. -¿O Multiusos resolverá tódalas necesidades en materia de infraestructuras deportivas de Lalín? -A nós, como xa dixen, non nos afectaría demasiado. Polo que respecta ao resto dos clubs, imaxino que si, a excepción ao mellor do atletismo. As instalacións que hai son suficientes. Pero se temos un Multiusos serían moito mellores. E claro, non é o mesmo navegar nun barco a remo que subirte nun iate. Todo o que veña á rede é peixe. -¿Os clubs deberían ter algún papel no deseño da futura instalación deportiva insignia do concello? -No que é o deseño en si, imaxino que pouco podemos entender. Agora, si podería o Concello falar connosco, máis cá nada para coñecer cales son as nosas necesidades ou o que puidesemos pretender co Multiusos. Nós, por exemplo, pederiamos un local onde poder ter montado o noso material permanentemente.