«A vila precisa xa dun Multiusos acorde co seu desenvolvemento»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

O futuro das instalacións deportivas de Lalín a debate (I) | Nicolás Varela Varela alaba o proxecto do PSOE, roga que Crespo cumpra coa súa promesa dun novo recinto antes do verán do 2007 e cre que o Concello debera pedirlle opinión aos clubs

10 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

La Voz de Galicia amplía e amplifica desde hoxe o debate público xurdido arredor da necesidade dun novo recinto polideportivo en Lalín. E faino dándolles voz aos clubs cuxas necesidades deberan inspirar o deseño e a funcionalidade do futuro Multiusos. Nicolás Varela é o presidente do C.B. Lalín, a entidade deportiva con maior número de usuarios potenciais do novo recinto. -¿O deporte de Lalín precisa de novas instalacións con urxencia? -Home, é evidente que si. É evidente que o deporte de pista cuberta precisa de instalacións mellores, acordes co desenvolvemento de Lalín. -O Concello prometeu un Multiusos rematado ou moi avanzado antes das vindeiras eleccións municipais, en xuño do vindeiro ano... -Ogallá sexa certo. Estámolo agardando como auga de maio. -¿Que opinión lle merece o anteproxecto de Multiusos presentado polo grupo de goberno local no 2004? -Non lembro moito como era, a verdade. Non tiven ocasión a penas de fixarme en ningún detalle, agás na parte externa. Lembro que era bastante futurista, e en teoría era para o que era, un Multiusos para o deporte. -¿Como valora a proposta de Multiusos recentemente feita polo PSOE? -Tecnicamente paréceme un bo proxecto, feito e pensado por xente do deporte. Por xente que entende de deporte. E pensado para os deportistas e para a afección. -Circunvalación. Zona deportiva. ¿Cal debería ser a ubicación do futuro recinto polideportivo? -Esa é a única dúbida que me suscita a proposta do PSOE. A ubicación. Ao Club Balonmán Lalín teríanlle que garantir por escrito onde van adestrarse en onde van xogar os equipos durante as obras. Sobre todo o de Primeira Nacional, ou de División de Honra B. Esa é a única dúbida que teño respecto a un proxecto que me parece moi ben pensado. ¿Levar o Multiusos á circunvalación? Non sei contestar a iso. -¿O Multiusos resolverá tódalas necesidades en materia de infraestructuras deportivas de Lalín? -Se está ben proxectado, si. Tampouco precisamos o Palacio de los Deportes de Madrid. Lalín precisa dunha infraestructura suficiente para atender os clubs comodamente, con instalacións dignas, vestiarios dignos e hixiénicos, suficiente atención de persoal... E como dixen antes, correspondente ao actual desenvolvemento de Lalín. Por exemplo, a piscina cuberta é unha boa instalación para Lalín, que mesmo xa se ve que se quedou pequena. Non se fixo ningunha monstruosidade. Fíxose unha cousa ben pensada, ben feita, que funciona ben... ¿Por que non facer un pavillón de similares características?. -¿Os clubs deberían ter algún papel no proceso de deseño da futura instalación deportiva insignia do Concello de Lalín? -Penso que como usuarios deberían ser, polo menos, consultados. Aínda que a súa opinión non fose vencellante para o proxecto. Pero polo menos deberían consultarlles que cren que se debería facer polo ben de X deporte. -¿O Concello dirixíuse ao C.B. Lalín para recabar a súa opinión sobre como debera ser o futuro Multiusos? -A verdade é que non. -¿Que opina da decisión do goberno local de deixar a reforma do actual Pavillón Municipal ata o remate do futuro recinto? -A verdade é que algunha mellora xa lle fixo este ano. Arranxaron os vestiarios que foran destrozados non se sabe por quen, botaron antideslizante á pista, instalaron unha nova exracción nos vestiarios do Primeira Nacional, e está bastante avanzado o proxecto da calefacción. Na miña opinión persoal, o que terían que facer sería cambiarlle a cuberta e aillala. A partir de aí a calefacción sería moito máis viable. E se algún día se pode, non estaría mal instalar parquet no sitio da goma. A pobre xa bastante deu de si.