O plantel de Couso atopouse onte o Pavillón do Comarcal cheo de auga O plantel xuvenil perdeu 34-25 na súa visita anticipada ao Xiria, e completa o seu cupo de tropezos
17 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O Portadeza Lalín de Xosé Couso mídese esta tarde ás 19.15 horas ao Universidad de León Ademar no pavillón santiagués de Santa Isabel. Por riba de xogar no desterro da Gala do Cocido, o líder da Primeira Nacional chega a este complicado compromiso ligueiro sen poder adestrarse onte con normalidade. O plantel roxinegro atopouse na pasada tarde noite co Pavillón do Colexio Comarcal encharcado de auga no perímetro da pista. Integrantes do Club Balonmán Lalín tentaron secar a cancha na medida do posible, pero á hora de peche desta edición ao máis ao que aspiraba o equipo de Couso era a facer exercicios de quecemento. Antes desta desgraciada sesión de traballo, a primeira hora da tarde, o adestrador do Portadeza salientaba a dificultade de derrotar a un rival como o Ademar B, filial do conxunto de Liga Asobal que conta cun plantel «de gran calidade técnica e unha sólida base física», e que presenta «unha defensa en 3-3 moi incómoda, que che obriga a estar moi concentrado durante todo o partido para non perder o balón», apuntou Couso. O técnico incidíu no «desexo do equipo de emendar a nosa derrota en Avilés» e comezar a superar o bache de xogo no que se atopa inmerso o líder. Con ese fin, «esta semana traballamos sobre todo a nosa defensa, que nas últimas semanas estaba a ser demasiado pasiva, voltando a facer fincapé na necesidade de levar a presión ata os 9 metros para non darlles facilidades aos contrarios». Antío, enfermo, estaba onte practicamente descartado para o partido. Os afeccionados que queiran acompañar o equipo a Santiago teñen á súa disposición un autobús gratuíto fletado polo C.B. Lalín, que sairá ás 17.00 horas desde o Bar Pincho. Por outro lado, o equipo xuvenil masculino sumou a súa segunda derrota consecutiva, tamén fóra da casa, a mans do Xiria de Carballo: 34-25. Un incomprensible baixón ofensivo dos lalinenses entre os minutos 35 e 40 deulle ao Xiria 6 goles de vantaxe que non desperdiciou.