O SOL | O |
04 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O TÍTULO de «noite máis máxica do ano» ten dous claros candidatos: San Xoan por un lado e os Magos polo outro. Como aquí hai que ser prácticos e tirar por onde máis conveña, ou neste caso, polo que antes cadre, voulle conceder o título á segunda. Unha decisión que sen dúbida será respaldada polos milleiros de nenos e nenas que agardan 364 días para celebrar esta data. Porque eu síntoo moito, pero o señor barbudo que viste de vermello e viaxa con renos, non ten o mesmo halo máxico cós magos de Oriente. Ese trío de ases que se desplaza en camelo perseguindo a unha estrela non ten prezo como historia dóce e tenra. Por se fose pouco, contén un lado educativo que é a interracialidade que aporta o meu mago favorito, Baltasar. A tradición dos Magos aínda non foi adulterada polo xigante das bebidas refrescantes de cola que todo o pode, que ten a receita máis buscada do mundo, e ao que só rindo pleitesía cando se trata de anuncios, nada máis. Esta noite repetiranse nos fogares da zona as mesmas esceas. Nenos nerviosos que ou ben non queren ir á cama para esperar aos Reis, ou ben o oposto: que por un día no ano se poñan eles sós o pixama e vaian á cama antes de mandalos. Hai de todo. Para ir quentando motores, esta tarde en todas as vilas da zona repetiranse as tradicionais cabalgatas co seu correspondente reparto de caramelos, variopinto desfile e empurróns inevitables. Non é de estrañar que aos máis pequenos se lles vaian os ollos tralas túnicas douradas e vistosas dos de Oriente. Entre as tradicións que rodean a chegada dos Magos, eu quédome coa de deixarlle turrón aos Reis e auga para os camelos. Xa se sabe, logo dunha viaxe tan longa, é normal que os pobres cheguen a Deza e Tabeirós sen forza e precisen repoñerse. O de deixarlles tamén unha copiña é xa menos aconsellable, non vaia ser que se coloquen onde non deben, e para quen non son, os correspondentes regalos. Logo da tarde de cabalgata, e da noite máis esperada, mañá, por fin, chegará o esperado momento: o de abrir os regalos. Metros de papel de cores acabarán tirados no chan xunto a coches, bicicletas, bonecas, xogos informáticos, e un longo ecétera. Claro que para que todo isto ocorra, terá que cumplirse unha premisa: ter sido bos durante todo o ano. Que ben soa, e que difícil é. En fin, que os Magos repartan regalos e o Neno millóns.