Súbese o telón do Salón Teatro para os nenos do campamento

Amelia Ferreiroa lalín

DEZA

MIGUEL SOUTO

En dous minutos |?Unha función especial A Asociación Teatro Secundario estreará esta tarde unha obra para todos os públicos

02 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O Campamento de Nadal, que está a celebrarse na capital dezá, non tocou aínda ao seu fin. Restan varias actividades e unha delas consistirá en levar aos cativos ao teatro. A cita será esta mesma tarde, a partires das 18.30 horas. Os encargados de que os rapaces o pasen ben serán un grupo de actores e de músicos da Asociación Teatro Secundario, que preside Fran Lareu Rodríguez. A obra que se estreará é O príncipe de velasvir , con guión do lalinense Iago Mouriño, e á que poderá asistir todo o público interesado non só os cativos que están a tomar parte no campamento. «A nosa intención é poder representar posteriormente esta obra en outros concellos da zona, que non quede só nunha única representación», explica Lareu. O colectivo Teatro Secundario conta con varios proxectos para dinamizar o teatro na comarca e a súa intención, a longo prazo, é constituirse como compañía profesional. «Para chegar á meta hai que traballar arreo, e que non se vexa o teatro con recelo e reticencias e contar con axudas económicas para poder facer montaxes que son francamente costosas». O máis preto de momento é a representación desta tarde na que se subirán ao escenario os actores Alba Toimil, Débora Pichel, Luis Jar, Coco Montes, Iago Mouriño e Fran Lareu; e non faltarán tampouco os músicos Chema Fondevila, Álex Badas, Rafael Viana, Lorenzo Pérez e Alberto Cruz, todos eles compoñentes das formacións bandísticas de Lalín, Vilatuxe e Muimenta e membros tamén desta agrupación teatral ao igual cos tres técnicos que supervisarán o son e a iluminación da peza. Para Teatro Secundario trátase da súa segunda montaxe destas características e tamén colaborou co colectivo Cirla no festival de teatro.