O pavillón de Lalín disporá de calefacción o vindeiro ano

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

O orzamento para a instalaciónachégase aos 60.000 euros O Portadeza non percibirá unha subvención de 3.500 euros da Dirección Xeral?para?o?Deporte

30 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A xornada de onte trouxo unha de cal e outra de area para o Portadeza Lalín. O concelleiro de deportes, Ramiro Ruibal, confirmou que o Concello instalará o vindeiro ano a calefacción no pavillón, unha nova que beneficia a todos os clubs que adestran e xogan nas instalacións, e tamén aos siareiros que se achegan ás bancadas. O orzamento presentado ao Concello para a obra ronda os 60.000 euros, unha cantidade asumible para o municipio. Segundo Ruibal, xa en anos anteriores o Concello veu invertindo cantidades similares noutras actuacións vencelladas á infraestructura deportiva, como son «as obras no campo de Barcia, os vestiarios do pavillón, ou o tellado e a pista do pavillón comarcal», lembrou o concelleiro do ramo. A instalación da calefacción correrá a cargo do Plan de Acción Municipal, co cal Ruibal xa matiza que non hai un plazo temporal ben definido. «Temos que seguir unha serie de trámites burocráticos que requiren o seu tempo, co cal non podemos falar de data concreta, pero seguro que o vindeiro inverno estará en funcionamento», concreta o concelleiro. Non á subvención A instalación da calefacción no pavillón foi unha boa nova para o Portadeza, principal usuario das instalacións. Pola contra, o prsidente do club, Nicolás Varela, fixo onte pública a denegación dunha subvención. Segundo Varela, a axuda da Dirección Xeral para o Deporte que viñan recibindo nos últimos anos, e que ascende a 3.500 euros, non chegará ás arcas do Portadeza debido a que «nos foi denegada pola vía do silencio administrativo», comentou Varela. Segundo o presidente do club, «esta subvención soen concedela entre outubro e novembro, e visto que non chegaba chamei para informarme e dixéronme o que pasaba». Os 3.500 euros da subvención xa estaban practicamente comprometidos, «ían ser destinados á mellora do ximnasio do pavillón e para porterias de minibalonmán», dixo Varela. «O que non entendo é cómo a consellería di que hai que apoiar ao deporte base e aos clubs e o primeiro que fai é deixarnos sen axuda a un club como o Portadeza no que a canteira é a nosa preocupación», lamentou Varela, «agora teremos que aforrar por outro lado, pois esa era xá unha das partidas do orzamento». Seleccionados Os que non teñen descanso estes días son os xogadores do Portadeza seleccionados para acudir aos campionatos estatais de seleccións territoriais. Os xuvenís Borja Fernández e Iago Ferradás xogarán en Vigo, xunto con Alberto Mouriño, que agora milita no Teucro. Os que tamén representarán a Galicia nos estatais infantís en Málaga son Uxío Batán e Pablo Cacheda. Os respectivos encontros comezarán o día 3, pero os xogadores xa se desplazarán entre o domingo e o luns.