O SOL | O |
03 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.HOXE VOU falar de deporte. Estou plenamente empapada neste universo descoñecido para min ata non hai moito, e que resulta ser moito máis apaixoante do que me imaxinaba. Para empezar, o mundo do deporte non é só deporte. Que va... Se algún guionista se quedara sen ideas nin guións e precisara deles, eu aconsellaríalle que folleteara as páxinas deportivas dos xornais. Hai auténticos culebróns, historias de paixón, misterios... de todo. Ben é certo que o importante é o deporte en sí, ou, eu diría máis, os deportistas. Quítome o sombreiro ante todos eses homes, mulleres e nenos que adican parte, ou moita parte, do seu tempo aos clubes sementados ao longo da xeografía de Deza e Tabeirós. Eu, dende a miña ignorancia, non sabía que houbera xente con tal capacidade de adicación que se achegue ata un campo de céspede ou a unha pista de goma ás oito da noite dun día de inverno a correr, poñer os músculos a tono e botar pachangas. Eu, animal sedentario onde os haxa, quedo coa boca aberta só de pensalo. Deporte e deportistas, todo un combinado. Aparéceme un sorriso na cara cando vexo ás futuras xeracións enfurecerse porque non lle saen as cousas. ¿Hai algo máis simpático ca ver a un neno que pouco máis dun metro levanta do chan xogando como se fora nas Olimpíadas? Son puro espectáculo. As canteiras dos clubes deportivos e equipos da zona son un auténcico reducto de ilusión en estado puro que se debería coidar. Tampouco é plan de esquecerme agora dos que están á fronte do chiringuito. Directivos, presidentes e toda esa xente que tira do carro. ¡Que moral! Supoño que os éxitos do club se vivirán como propios, pero aínda así, non me quería eu na pel de máis dun. E como estas liñas son deportistas, rematar con sorte para todos.