A xunta directiva do Estradense presenta a súa demisión en bloque

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

Os dez directivos acordaron a resolución nunha xuntanza mantida onte pola tarde Antonio Iglesias, presidente do club, xa adoptara pola tarde a decisión de renunciar ao cargo

16 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte foi unha xornada movida no seo do Estradense. Arredor das 21.00 horas, o presidente do equipo de Preferente fixo público que a xunta directiva do club, en bloque, demitía. Xa a primeira hora da tarde o presidente do club, Antonio Iglesias, anunciaba a súa decisión de demitir. Por este motivo, e para comunicarllo aos restantes directivos, Iglesias convocou aos mandatarios do club para unha xuntanza extraordinaria ás 20.30 horas. Lonxe de quedarse na demisión do presidente, a reunión rematou coa renuncia en bloque dos ata agora 10 directivos do club. Para saber as causas oficiais da demisión haberá que esperar ao longo do día hoxe, xa que Iglesias e os demáis membros da directiva faran público un comunicado no que detallarán as súas razóns. Tarde movida As razóns da demisión de toda a directiva non están claras, pero Antonio Iglesias afirmaba na tarde de onte, logo de tomar a decisión, que «eu son unha persoa cunha traxectoria seria que traballou moito por este club, e antes de que me vaia mal na saúde, dimito». O presidente do Estradense non aludia directamente á razón da súa renuncia, pero deixaba caer que «se nós, o Estradense, non representamos nada dentro do deporte da Estrada, pois...» A nivel persoal, o presidente afirmaba que tomara a decisión onte, e que sentía pena polos xogadores e pola xente do club, «pero eu non teño por qué deixar de levarme ben con xente por temas deportivos». Non sen certa amargura, o ata agora presidente do Estradense deixou caer que «se non recibes apoios de quen tes que recibilos, pois punto e final. Eu non lle fago o xogo a ninguén». Ante a pregunta de se houbera quedado no club de ter tido máis apoios das institucións, Iglesias afirmou que «se tivera apoio e recoñecemento, seguramente sí tería seguido». Engadiu ademáis, non sen certo resquemor, que «estou seguro ademáis de que haberá xente que o fará moito mellor». Antes do anuncio da demisión de toda a directiva, Antonio Iglesias xa insistira en que «nós non imos tirar co club así como así. Ata a asemblea nós temos que estar aí, aínda que se aparece alguén que queira levar o club antes, pois mellor». Onte non se fixo pública a data da asemblea, pero será, presumiblemente dentro de 15 días. Antecedentes Aínda que sorprendente, a renuncia de Iglesias e da directiva ven precedida do malestar exposto polo uso compartido da Baiuca co Val do Ulla. O presidente do Estradense xa deixou patente o martes o seu malestar por ter que xogar algúns domingos na Baiuca logo de que o fixeran as xogadoras do Val do Ulla, e reclamou preferencia para o Estradense dado que o céspede non é quén de resistir dous encontros o mesmo día. Así mesmo, o mandatario ameazara con retirar ao equipo da Liga se o Concello non solucionaba o problema.