En dous minutos | Concerto de Linho do cuco O grupo presenta esta noite no teatro Principal o seu primeiro traballo discográfico
20 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?espois de tres anos lonxe dos escenarios da vila e dun intenso verán de festivais, o grupo estradense Linho do cuco voltará a reencontrarse hoxe co público do centro para presentar o seu primeiro traballo discográfico. No concerto, que se celebrará a partires das 21.00 horas no teatro Principal, Linho do cuco repasará os temas do disco homónimo, editado polo selo Nakra e grabado e mesturado nos estudios Trikisound de Pontevedra. O traballo, que saiu ó mercado na primavera, conta con colaboracións musicais coma a do «cempés» Óscar Sanjurjo ou a do acordeonista e guitarrista Pedro Pascual, que tamén participou na producción e nos arranxos dalgún dos temas. No concerto, Linho do cuco combinará as melodías do disco con outras novas que xa se puideron escoitar este verán en festas e festivais de toda Galicia, como o Músicas da terra de Ouzande, o Lúa meiga de Redondela ou As nosas músicas de Couso. O grupo, formado por músicos de A Estrada, Silleda, Lalín e Monterroso, contará ademais esta noite con algúns dos colaboradores que participaron na edición do primeiro disco. A combinación de tuba e clarinete con gaita e acordeón diatónico danlle ó son de Linho do cuco un aire peculiar. O grupo enlaza coa tradición das murgas formadas a principios do século pasado, pero incorpora arranxos máis actuais que lle dan á súa música un toque persoal de notable orixinalidade no panorama musical de Galicia. O grupo, que se vai decantando polas composicións propias cun marcado carácter tradicional, poderá escoitarse esta noite sen pagar un euro.