271.000 euros

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

01 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTA FOI a cantidade que custou, segundo o propio goberno da nación, o arranxo da casa onde o presidente Zapatero pasou as súas vacacións coa familia. Nada menos que 45 millóns de pesetas, é dicir, o que se gasta calquera español nos arranxos da súa casa de verán, por poñer unha comparanza. O paradóxico é que esta casa, agora pertencente ó Patrimonio Nacional, pertenceu en tempos o rei Husein de Xordania, e nela tamén veraneou a condesa de Barcelona. ¿Que arranxos precisa ou que necesidades ten a familia Zapatero para se meter en tales obras? ¿Non son catro na familia? ¿Non é simplemente para pasar un ou dous meses? ¿Como se compaxina esto con promover pisos de 25 metros cadrados para moitos españois? Eu sempre dixen que non me importaría ser comunista do xeito en que o son Ana Belén e Víctor Manuel pero, ben mirado, case me debo de pasar ó socialismo ó xeito Zapatero, que é, como podemos comprobar, sobrio e frugal. Ademais, é solidario, como tamén demostra o feito de que o día 3 de agosto pasado, cando precisamente a familia Zapatero ía chegar ó seu destino de verán, a subdelegada do goberno en Lanzarote ordenara o traslado de 81 dos 92 «sin papeis» retidos no centro de internamento que se atopa na sala de tránsito do aeroporto, non foran dar unha imaxe de precariedade no lugar onde veranea o señor presidente de tódolos españois. Solidariedade, austeridade e moderación, si señor. Como un xa está ata o gorro de comungar con rodas de muíño, crese na obriga de denunciar estes actos que poñen de manifesto a profunda (abismal) demagoxia que utilizan os membros deste goberno nas súas declaracións e nos seus feitos. Por non falar do seu secretismo no que toca as reunións das que os españois nos enteramos de alí a unha semana de producírense, en temas profundamente relevantes que atinxen desde a configuración e organización do territorio ata a seguridade nacional, sen que ninguén saiba a ciencia certa que tratos e que ofertas se están a facer sen luz nin taquígrafos, como predicaban estes señores cando estaban na oposición por calquera tema, por nimio que fose. Esto é o que temos e o que podemos esperar do «austero» e sorrinte Rodríguez e señora. Son soles (os dous). Rochi@terra.es