En dous minutos |?O sector textil presenta as súas novas coleccións Guerral, D'Aquela, Enmanuel, Toypes, Mercedes Fuentes e Montoto estarán na Semana da Moda
29 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O recinto feiral Juan Carlos I de Madrid será o escenario da 54 edición da Semana Internacional da Moda de Madrid, na que participarán un ano máis varias firmas da capital dezana e que se celebrará do venres 2 ao luns 5 de setembro. Guerral, D'Aquela, Géneros de Punto Montoto, Enmanuel, Toypes e Mercedes Fuentes serán nesta ocasión os nomes que leven a moda lalinense a Madrid para presentar a súa colección primavera-verán do 2006 ante clientes e visitantes. Novos volumes cun aire de romanticismo definen as liñas básicas da nova colección de Guerral. Sen deixar de lado o canon que busca a muller urbana, característica principal da moda desta firma, as prendas mesturan un xogo de cortes e os estampados recollen motivos étnicos e florais. A colección desta firma lalinense estará exposta no pavillón catro, sección destinada á moda para mulleres de segmento alto e a firmas que participaron nalgún momento na Pasarela Cibeles, isto é, os creadores máis prestixiosos do ámbito nacional. O stand da deseñadora Mercedes Fuentes estará tamén neste pavillón catro. As raíces da colección de D'Aquela remóntanse ao mundo exipcio no que a formas se refire, e aos mares galegos en canto á forza das cores. Así, as súas prendas presentarán liñas sinxelas e os corpos iranse marcando do exterior ao interior. Esta firma aposta polos pantalóns «pitillo» e polas saias de tubo con polisón, unha sorte de armazón que as mulleres ataban á cintura para que os vestidos abultasen por detrás. As prendas de D'Aquela estarán no pavillón oito, que recollerá unha ampla mostra de propostas en moda para a muller, e onde Enmanuel exhibirá tamén as súas prendas. Montoto, con tres stands, terá as súas prendas en exposición nos pavillóns catro e seis. E Toypes terá tamén un oco neste último espacio, destinado a aquelas marcas de gran difusión para a muller urbana e activa.