O SOL | O |

22 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA QUÉDASE sen adxectivos para definir os incendiarios que, voluntariamente, rubrican as mareas de lapas que estes días asolagan Galicia. Cal luminaria de san Xoán desatada e incontrolada, a cor vermella está a converter en desertos áridos de cinsa e cascallos o que noutrora foron espacios forestais cheos de vida. Os energúmenos que atentan sen escrúpulos contra o pulmón verde que é Galicia non teñen miramentos á hora de prender o chisqueiro. Pouco lles importa que preto haxa aserradoiros, naves, animais ou mesmo vivendas. O que motiva as súas accións queda fora de toda lóxica, cando menos para min. Non me valen explicacións especulativas nin aplicacións da teoría de que hai que facer buracos para despois poder tapalos. Sería imperdoable. Provoca tristura ver mulleres e homes que se derrumban ao ver a fin da súa terra. Facianas impotentes de desolación debúxanse ao tempo que arrecian as lapas. Bágoas e mans caidas convértense en compañeiras de viaxe dos lumes que estes días se pasean sen vergoña por este recuncho do globo. Cando hoxe, ao longo do día leamos páxinas cheas das palabras incendio, pirómano e lume, será momento para mirar atrás e fixarnos no que eran esta terras hai poucos meses, e no que son agora. Verde, vermello, gris. Galicia acabará o verán con boa parte da súa riqueza arrasada polas lapas, e todo mercede a xente sen alma que perde a calma, neste caso, polo lume.