Entrevista | Germán Vilariño ARQUITECTO E PINTOR LALINENSE Germán Vilariño tenta reflexar as vivencias e a situación social na súa obra pictórica
20 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.?ende os quince anos leva o lalinense Germán Vilariño plasmando nos seus cadros a súa particular visión da sociedade actual. Á hora de pintar os seus gustos decántanse pola complexidade da figura humana porque é a que mellor se presta para reflexar unha idea. Pero, dende que comezou ata hoxe, Vilariño percorreu un longo camiño. -¿Como nace o seu interese pola pintura? -Empecei a pintar de casualidade, na época de estudiante. Daquela había unhas enciclopedias que traían uns debuxos que me agradaban e empecei calcándoos, pero o papel non me chegaba e rematei debuxándoos eu mesmo. Cando empecei a estudiar, no mesmo centro había uns cursos de debuxo e apunteime. O profesor pensaba que calcaba os debuxos, pero eu debuxaba a man alzada. Un día mandoume facer un mural para a escola. A raíz dese, decidín facer outro para a casa e un familiar foi quen me animou a estudiar Belas Artes. -¿Cales son os temas que prefire para pintar? -Pinto figura. Penso que é un tema de comunicación, que se presta máis a reflexar unha idea e para mostrar a complexidade da especie humana. -¿Os seus modelos son reais ou froito da imaxinación? -Ás veces si que busco modelos, pero nunca reais, algunha imaxe ou algún debuxo, e incluso consulto algúns apuntes da época de estudiante. Pero a maior parte das veces imaxino o que pinto. -¿Hai algún momento no que prefira pintar? -Ultimamente pinto moito ao mediodía porque é cando teño máis tempo libre, pero antes prefería pintar de noite, hai máis tranquilidade. -¿Algún pintor co que se identifique? -Trato de encaixarme no movemento expresionista, un movemento crítico co establecido. De neno gustábame pintar coma Velázquez, porque é unha pintura que se entende moi rápido.