En dous minutos |?A Lei Antitabaco afecta ao sector da hostalería Os hostaleiros son conscientes de que a norma traerá perdas, sobre todo aos locais pequenos
17 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Os familiares carteis de «prohibido fumar» non son máis ca un elemento decorativo en moitos bares e restaurantes. Ou alomenos iso é o que indica o último estudio da Organización de Consumidores e Usuarios, que sinala que, na maior parte das áreas nas que a futura lei prohibirá fumar, os chamados espacios sen fume non son senón unha mera ficción. As restriccións do anteproxecto da lei antitabaco afectan sobre todo a bares e restaurantes. O descontento entre os hostaleiros de Lalín medra a medida que se achega a entrada en vigor da normativa, aínda que moitos recoñecen non estar «moi enterados» das condicións establecidas para cada local. As medidas do Goberno para reducir o consumo deste producto non foron ben recibidas no municipio lalinense. Moitos hostaleiros, coma Antonio Asorey, consideran que «unha prohibición de raíz nas ventas do tabaco» sería máis efectiva: «o que non se pode é vender o tabaco e pretender que a xente non fume», sinala Asorey. Esta opinión é compartida na maioría dos bares e restaurantes do municipio lalinense. Os seus propietarios saben que se trata dunha medida que, «dende o punto de vista económico será perxudicial para nós», explica Ramón Montilla. Os hostaleiros advirten de que, se se deixa nas súas mans a posibilidade de escoller, nos bares de Lalín seguirase fumando coma ata o de agora. No que a perdas se refire, quen ten un bar é consciente do posible descenso no número de clientes, sobre todo nos primeiros meses e naqueles locais onde se decida colocar o cartel de «non fumar». Polo de agora, facelo en bares de menos de 100 metros cadrados é opcional; hai hostaleiros que confían en que co paso do tempo se modifique a normativa e se adopte unha solución única, sen opcións. A lei incluirá un réxime de infraccións que incluirá as conductas contrarias á norma e a súa posible penalización. Un exemplo: 30 euros por fumar fóra das zonas habilitadas a tal efecto. Nos bares de Lalín poderase fumar, polo menos ata xaneiro do 2006. A partir de entón, e sempre que a decisión siga nas mans do hostaleiro, o cliente seguirá a ter a razón.