O SOL | O |
16 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.VIVIMOS NUN lugar privilexiado, no país da auga. Privilexiado en canto a paisaxe, a xente, a tradición, a fala, a historia e mesmo a recursos. Mentres a metade de España ansía a causa da seca, aquí mantemos, máis ou menos, o noso ritmo normal de consumo e vida. A marca rexistrada que é a cor verde dos prados, dos montes e das ribeiras galegas mantense no seu sitio, aínda que a gama, coma todos os veráns, chega aos tostados e marelos; algúns deses tonos provocados por desalmados que prenden lumes ao tempo que queiman futuro. Queda xa pouco para que as chuvias fagan acto de presencia novamente, ou alomenos iso marca a tradición. Será entón cando Galicia rexurdirá con todo o seu esplendor ao tempo que os nosos veciños do sur toman un descanso á espera da próxima seca. Estes días xa andan caendo as primeiras gotas que veñen a ser preludio dos meses da auga. Algúns de fóra non acaban de entender cómo se leva o día a día no país da auga e da choiva, pero aquí xa estamos acostumados. Os días calurosos comezarán pronto a ser máis frios e os nados neste recuncho do globo voltaremos ao noso ambiente natural .