?s festas na honra ó Ecce Homo e á Virxe das Dores, que se prolongarán ata o vindeiro domingo, comezaban onte coa actuación do grupo A Roda. O programa establece para hoxe unha nova xornada protagonizada polo folk, coa actuación das Pandereteiras de Barro de Arén, que descubrirán ó público congregado a esencia do folclore local que aínda pervive nalgunhas zonas da comarca. Pero o ambiente festivo estará presente xa antes da noite, cun espectáculo de maxia a cargo da compañía Chrystyan Magic, unha empresa de animación para festas infantís e patronais que presentará o seu número Sorrisos e Xogos . E para cando remate a maxia o Concello fará entrega no salón de plenos das distincións a persoeiros destacados no municipio, entrega amenizada coa música das gaitas de Bene Vivere . A Virxe das Dores será homenaxeada o sábado, e o folk seguirá presente co concerto das viguesas Ávalon. A música seguirá pola noite, coa actuación das orquestras Player's e Juan Mallo. O domingo Cerdedo honrará ó Ecce Homo nunha xornada marcada pola tradición. Antes da misa recuperarase o acto do viño galego e desspois volverá o teatro a cargo da asociación cultural Vintureira . Pola noite haberá tirada de fogos de artificio, e o fin de festa poñerao a orquestra Costablanca.