O proxecto dun fogar para maiores e de vivendas sociais segue en marcha

Betti Vázquez A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

A fase de edificación da residencia da terceira idade de Cerdedo está xa totalmente rematada O Concello continúa ademais coa construcción dun multiusos, no que se ubicará a biblioteca

28 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

? Concello de Cerdedo conseguía xa no 2003 a axuda que precisaba para a construcción dunha residencia para a terceira idade. No proxecto inicial invertiríanse 90.000 euros para levantar un edificio sobre unha estructura xa existente que contaba cos cementos e con parte da planta baixa: o Concello aportaría o terreo e Asuntos Sociais, a través da Dirección Xeral do Maior, comprometíase con dita inversión para rematar a obra. Hoxe a edificación desta residencia do maior está totalmente rematada no que a cuberta e exteriores se refire, e habilitouse na planta baixa un Centro de Día, onde os maiores do municipio terán as súas reunións e celebrarán tamén pequenas festas. Pendentes quedan aínda outras dúas fases: na primeira faranse as labores de acabado, alicatado e pintura; e na segunda dotarase ó edificio do equipamento necesario para que comece a funcionar. Outro dos proxectos que continúa en marcha é o da construcción das vivendas sociais no municipio cerdedense. Os terreos están xa mercados e o convenio, asinado no seu momento coa Consellería de Ordenación e Obras Públicas, prevé en total a adxudicación de 25 vivendas. Destas construiranse dez nunha primeira fase, en forma de chalé adosado e con garaxe na planta baixa. A terceira materia pendente é un multiusos. A primeira fase para a súa construcción sairá a concurso nos vindeiros meses e contará cunha biblioteca, un almacén bibliográfico, unha sala de exposicións e un auditorio con capacidade para acoller a 250 persoas. O proxecto total requerirá un presuposto dun millón de euros e só están financiadas polo de agora as dúas primeiras fases: a primeira pola Consellería de Cultura e a segunda polo programa Leader da Unión Europea. O presuposto para o remate da obra continuará pendente dun acordo entre o Concello de Cerdedo e o novo goberno autonómico.