Os socios decidirán se o Donramiro se converte en filial do equipo Bahamonde amósase satisfeito polo apoio de Crespo a prol da continuidade do clube
01 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A asemblea xeral do Club Deportivo Lalín xa ten data. Será o vindeiro día 15 de xullo en horario de 20.00 horas en primeira convocatoria, e ás 20.30 horas en segunda; o lugar escollido para a xuntanza é o Casino lalinense, concretamente a segunda planta. A asemblea á que están convocados os socios do club servirá á xunta xestora da entidade deportiva para presentar o informe da xestión económica e deportiva da tempada. Outro dos puntos do día é o referido á constitución da próxima xunta directiva, ou, en caso de que non haxa voluntarios, a continuación do traballo da xestora do club. Visto e prace ao filial Outro dos temas que se abordarán na xuntanza do C.D. Lalín o vindeiro día quince é a posibilidade de que o Donramiro se convirta en filial do equipo de Terceira división. A asemblea do Lalín será a responsable de decidir se o Donramiro se converte ou non en filial logo de que o conxunto que xogará a vindeira tempada en Segunda Rexional aprobase xa a proposta na súa xuntanza. Para José Manuel Bahamonde, presidente da xestora do C.D. Lalín, sería «moi bo» que o Donramiro pasara a vindeira tempada a ser filial do Lalín, xa que «así os xuvenís terían a posibilidade de foguearse en segunda rexional antes de dar o salto ao equipo de terceira división. Que nós traballemos moito coa canteira non implica que todos os rapaces poidan pasar directamente a xogar en terceira», comentou Bahamonde. Á marxe da asemblea, o presidente da xestora do Lalín manifestou onte a súa satisfación polas palabras de apoio que Xosé Crespo adicou ao equipo o pasado xoves na presentación do libro sobre o C.D. Lalín. O alcalde lalinense afirmou que o Concello porá o seu grao de area para que o club siga adiante e saia con éxito da delicada situación na que se atopa. Así mesmo Crespo indicou a necesidade de que todo o pobo de Lalín respalde e se ilusione novamente co seu equipo de fútbol, algo que Bahamonde tamén ve prioritario. Á espera da asemblea a xestora continúa contactando con posibles fichaxes.