En dous minutos | Estrea no Centro Galego David Álvarez fundou na capital a compañía?Teatroula para promocionar o escea en galego
29 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O Centro Galego de Madrid converteuse onte en escenario dun espectáculo en galego con espírito estradense. A culpa é de David Álvarez, un veciño da vila que exerce como profesor de alemán na escola oficial de idiomas de Madrid. Antes de trasladarse á capital, David Álvarez participou como actor en tres montaxes do grupo Os Tirinautas e, unha vez en Madrid, decidiu montar a súa propia compañía. Coa axuda de Miguel Louzao -outro estradense de Orazo que traballa como lector de galego na Complutense- reclutou os artistas que precisaba. A maioría son galegos residentes na capital, pero tamén hai actores de Ávila ou Cuenca con conexións familiares ou académicas con Galicia e co galego. As fichaxes estables chegaron a unha ducia. O grupo botou a andar cara finais do 2002 co nome de Teatroula e a intención de promocionar o teatro en galego. No 2004 debutou con Unha rosa é unha rosiña , unha adaptación da obra de Suso de Toro Unha rosa é unha rosa que se estreou na Complutense e na escola de idiomas central de Madrid. Este ano levou á escea Parellas e outros problemas , unha obra subtitulada Sete pezas de amor, desamor e outros desencontros . O espectáculo reúne sete sketchs doutros tantos autores alemáns e americanos traducidos ó galego, adaptados e dirixidos por David Álvarez. Lara Balirac, Marcos Cobas, Alexandre Estévez, Marta Gesto, María Xesús González, Marién Goyanes, Xosé Lois López, Xosé Vicente Moya, Juan L. Pérez, Begoña Regueiro e Antonio Sobrado integran o reparto. A obra representouse na Complutense, na escola de idiomas e, onte, no Centro Galego. Os aplausos amosaron que en Madrid hai público dabondo para o teatro en galego e a compañía demostrou calidade para actuar onde sexa. Polo momento tentará ampliar o circuito madrileño e achegarse tamén ó público estradense.