O 17 máis reivindicativo

La Voz LA VOZ | LALÍN / A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

En directo | Celebración do Día das Letras Galegas A Estrada aproveitou a celebración para reclamar un día para os escritores locais e un pouco máis de consideración coas autoras e Lalín entregou o Varela Buxán

17 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

As comarcas conmemoraron onte o Día das Letras Galegas con varias actividades. A Estrada puxo a nota reivindicativa na celebración. O escritor Francisco Rozados Rochi abreu o acto cun manifesto no que lembrou que «van ála 43 días das letras» e só dous ata agora foron dedicados a mulleres. «Aquí, polo visto, aínda non chegou eso da cota de igualdade», dixo. O intelectual deixou caer unha idea para poñerlle remedio. Poderíaselle dedicar un día á poeta estradense Avelina Valladares. Reclamou tamén un día para o poeta cerdedense Otero Espasandín, outro para García Barros e dous máis para Cabada Vázquez e Varela Buxán. Pero tamén foi xusto co homenaxeado deste ano. Recoñeceu que Lorenzo Varela «tén pouco máis dunha vintena de poemas na nosa lingua, pero de tal fondura e fermosura que o fan merecente da homenaxe». No seu discurso alabou tamén ó poeta de Monterroso por ter reclamado a un tempo «a compatibilidade de ser galego e español». «Creo que as linguas están para irmandar e nunca para separar. As plumas non disparan balas, senón arelas de futuro e imaxinación, e teñen ás para remontar o voo sobre a mediocridade», indicou. Rozados rematou o alegato galeguista cun chamamento á lectura compulsiva da obra de Lorenzo Varela e de «tódolos nosos artesáns da pluma». Pola tarde, a editorial Fervenza celebrou a data cunha homenaxe a Francisco Pillado e coa presentación de once libros da colección teatral A Pinguela. Pola súa parte, o Museo Ramón Aller de Lalín acolleu a entrega dos premios de relato curto Varela Buxán. O concelleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou o talento dos participantes. Entre os galardoados, unha abrumadora maioría feminina. Todos recibiron o galardón e un exemplar no que se recopilaron os traballos galardoados da IX edición do premio. En Agolada, María Crespo, presidenta da asociación Avelaíña entregou os galardóns os premiados no certamen literario organizado pola agrupación en torno a a figura de Lorenzo Varela, o que están adicadas as Letras Galegas. Rubén Areán Vázquez, de 13 anos, obtivo os 100 euros do primer premio e un agasallo. O segundo posto foi para Alba Hermida Vázquez, de 11 anos, que levou 50 euros y un obsequio. O tercero foi David Martín Utrera Iglesia, de 12 anos, que recibiu un agasallo. Tódolos obsequios eran lotes de material didáctico. En Silleda, houbo unha xornada sobre Lourenzo Varela e Cerdedo celebra actos o sábado.