Olimpíadas en Silleda

DEZA

XURXO BLANCO

A terceira competición escolar de Galicia encherá dende mañá o recinto feiral con 3.800 deportistas en 24 modalidades

11 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Silleda acolle dende mañá as Olimpíadas do deporte escolar galego. Durante tres xornadas celebraranse no recinto feiral as finais dos Campionatos Galegos en Idade Escolar nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, amáis dalgunhas probas xuvenís. Esta será a terceira edición da competición que pon o broche final á Campaña de Actividade Deportiva en Idade Escolar organizada pola Dirección Xeral para o Deporte dependente da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. As cifras que se manexan para a cita silledense son espectaculares, calcúlase que arredor de 3.800 pequenos deportistas competirán durante os tres días nas probas, aínda que se agarda que se xunten unhas 20.000 persoas contando con pais, adestradores, responsables de clubes e visitantes. Unha auténtica festa do deporte que encherá a Feira Internacional de Galicia. Multitude de deportes En total serán 24 as modalidades deportivas que se celebren estes días en Silleda. Judo, karate, kung- fu, loita, taekwondo e wo-shu serán os deportes de combate que se disputarán no torneo galego. En deportes de equipo competirán en baloncesto, balonmán, fútbol-7, fútbol sala e voleibol. A raqueta estará representada polo bádminton, squash, tenis e tenis de mesa. En deportes individuais os pequenos competirán en billar, duatlón, esgrima, halterofilia, remo indoor, tiro con arco, tiro pneumático, xadrez e ximnasia.