O kung fu non ten segredos para os preto de 100 rapaces que compoñen as galardonadas bases do lalinense clube Di Som
27 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.As artes orientais non son ningún misterio para os lalinenses. Dende hai arredor de 20 anos o ximnasio Di Som achega o kung fu aos pequenos da comarca, ávidos por coñecer as técnicas milenarias desta disciplina orixinaria da China. Divididos en 3 categorías, alevín, infantil e júnior, os arredor de 100 deportistas que forman parte das bases do kung fu Di Som, entrenan varias horas á semana para facerse cos segredos desta arte marcial orientada cara a defensa persoal. Adquirir axilidade e traballar a psicomotricidade son os obxectivos que perseguen os máis pequenos; nenos dende 6 anos que melloran a coordinación mediante a práctica do kung fu ao tempo que se divirten. A medida que os rapaces evolucionan, o traballo dos mestres pasa a potenciar de xeito máis específico as habilidades de cada deportista e paralelamente, o traballo en equipo, unha das máximas do clube. Éxito contrastado O constante traballo cos rapaces dende a base é a clave do amplio palmarés do Di Som; «Somos o clube de España con máis títulos, e isto é gracias ao interese que demostran os nenos dende moi pequenos, e ao traballo que se desenvolve dende a entidade» lembra Antonio Riádigos, responsable do Di Som Lalín. Títulos nas probas de interclubes, nas galegas e arredor de 25 Campionatos de España dan fe do éxito da canteira do kung fu Di Som.