A BALADA DO CANDÁN | O |
09 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.OS NAZIS en Alemaña tiñan un proxecto para clonar nenos. Loxicamente, todos arios, todos loiros e cos ollos azuis. Os de Ibarretxe non se atreven a tanto (polo de agora), pero si que queren «educar» os «verdadeiros vascos» desde o berce. A cantiga de berce di así: «Durme neniño, aquí estou para coidarte. Durme neniño, aquí estou para coidarte. Durme. Papá está lonxe, ó servicio de Euskadi. Ó teu lado, tes a mamá, que nunca te deixará. Durme neniño, aquí me tes, para coidarte. Papá está preso, para que ti mañá sexas libre. Algún día volverá, para estar con nós os dous. Durme. Pola noite, no ceo hai unha estrela. Serán miles, despois de liberar a papá. Neniño, neniño, durme, aquí me tes para coidarte». Esta grave afrenta ás víctimas do terrorismo foi patrocinada polo Concello de Llodio (gobernado polo PNV) para que os nenos medren na «liberdade» do País Vasco. Se unimos a esta vergoña que, ó parecer, un 75% dos ertzaintzas tivo ordes directas de non molestar ós ámbitos etarras, estaremos de acordo en que o nazismo nacionalista vasco estáse a superar a si mesmo constantemente no vandalismo institucional. Aprendín do meu amigo Xosé Luis Barreiro que «a vida é un ben absoluto, cuxa defensa non admite graos nin matices». O PNV non ten en conta para nada a vida dos que a perderon a mans dos terroristas, o que lles preocupa é que estean presos aqueles que mataron. ¿Que perversa conciencia pode facer pensar que é mellor persoa un verdugo que a súa propia víctima? E, sobre todo, ¿Quen pode ser tran cruel como para facerlle mamar a un neno o leite do resentimento?. Eu proporía unha nana alternativa para os nenos ós que lles mataron o pai estes esbirros: «Durme, neniño. Teu pai non está. Morreu dun tiro na caluga disparado por alguén que pensa que a liberdade se constrúe coas pistolas. Durme, neniño ... se o medo te deixa durmir». ¿Quen será peor? Ibarretxe non ten nunca unha palabra de alento para as víctimas, pero segue a conceder subvencións para os verdugos. Hitler era un lobo que non enganaba a ninguén. Ibarretxe é un lobo con pelica de paño. ¿De que me serve que diga que condena a violencia, se os feitos me din que a protexe, a subvenciona e a arrola no seu berce?.