En dos minutos | Un encargo pouco común O artista Armindo Salgueiro leva dez días traballando na obra que se levará para Ourense
05 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Aínda hai encargos sorprendentes e pouco habituais. E iste é, sen dúbida, un deses. Ao artista cruceño Armindo Salgueiro pedíronlle que pintara un pano de boca de teatro. «É un pano que reflicte o teatro, como se fose unha foto ou un espello, que é o que me pediron». Unha obra de grandes dimensións que lle está a dar ao artista pequenos quebradeiros de cabeza respecto ao espazo. «Tendo en conta que son corenta metros cadrados, tiven que colocar a tea sobre unha mesa e ir traballando nela por partes. Facer todo en conxunto é imposible porque mide tanto coma un piso pequeno», explica. Pintura acrílica con base de auga é o material que está a utilizar Armindo Salgueiro para esta obra que estará remata axiña. «Esta fin de semán queren poder colocala en Ourense, polo que hai que continuar traballando ao ritmo que estou levando». Son dez días os que empregou o artista cruceño nesta obra e aínda resta algún máis: «E unhas nove horas de adicación, aproximadamente, como calquera traballador. A verdade que é un reto o de enfrentarse a unha obra destas características na que perdes a escala e mesmo a perspectiva polas dimensións nas que pintas». Un pano de boca de teatro, de gran colorido, que irá a parar á Cidade das Burgas a unha sala multiusos «que se está rehabilitando e na que haberá concertos, proxeccións cinematográficas, representacións teatrais e mesmo restaurante, segundo teño entendido. Unha experiencia distinta pero que enriquece», engade o artista.