O Enredo SPL acode roto á casa do poderoso Benavente

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

Sen Miguilla e Álex, e con Rubén cun esguince, o equipo viaxa sen rotacións O América aspira a reforzar a súa candidatura ao ascenso a costa do Gondomar

18 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Pouco semella poder facer esta tarde en Benavente o Enredo SPL ante o terceiro mellor equipo da Liga de Primeira Nacional A. A partir das 18.30 horas, o conxunto galego enfróntase a quen debera ser un igual na loita polo ascenso como un David ante Goliat. Porque o estradense é, hoxe por hoxe, un plantel roto, escaso de efectivos e plagado de lesionados. A terras castelán-leonesas viaxa só con oito efectivos, os mínimos esixidos pola Federación Española de Fútbol Sala para poder disputar un partido oficial. Álex quédase en Galicia, repousando das magulladuras que sufríu a pasada fin de semana nun accidente de tráfico. Miguilla si se despraza, pero só para cubrir a papeleta federativa, cunha rotura de fibras que o manterá no dique seco entre dúas e catro semanas. E por riba Rubén era onte dúbida, ao sufrir o que semella un esguince de nocelo no adestramento do pasado xoves. De confirmarse o diagnóstico inicial, tampouco xogaría hoxe, deixando o Enredo SPL con só seis efectivos en disposición de disputar o encontro, dous deles porteiros. O América Archi tamén conta con numerosas baixas para o importante choque de hoxe no Coto Ferreiro co Gondomar, sexto clasificado e aspirante tamén ao ascenso. A partir das 6, Manuel Sanmartín e os seus homes loitarán polo triunfo sen Besteiro, Gonzalo, Reboredo nin Garabal, e con Fabián e Carlos tocados. Por sorte, o club planificou moito mellor a tempada có Enredo, e dispón de recursos suficientes para afrontar con certas garantías un choque como o de hoxe. Nembargante, non cabe dúbida de que as ausencias son importantes para medirse a un adversario co que perdeu 11-5 na primeira volta. Sanmartín agarda que o seu equipo «mellore no aspecto defensivo respecto aos últimos catro partidos, ou estamos perdidos». E é que «nos convertemos nun conxunto atacante, e eu quero que asentemos os nosos triunfos sobre unha defensa sólida», comentaba onte o preparador. A maior preocupación de Sanmartín hoxe é a baixa de Gonzalo, porque «é o home que nos proporciona o equilibrio defensivo». Liga Provincial O Cerdedo busca esta noite no seu pavillón a décima victoria consecutiva. Teráo francamente difícil, ao recibir o Merendero Vilafría, líder do campionato con 14 triunfos, dous empates e unha única derrota. O Bar Recreo, pola súa parte, visita o CSRBeadeOuteiro, antepenúltimo clasificado.