Pablo Barreiro

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

05 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI DÚAS semanas Pablo Barreiro recibiu un premio polo seu labor de comunicador desde a Radio Galega. Pablo é non só un moi bo técnico de son, senón un piar fundamental en algo que nos compete moi de preto. Foi o artífice do son das películas de Chano Piñeiro. Non só do son como concepto técnico, senón do son máxico da música que acompaña á palabra e á imaxe. Di o vello adaxio que detrás de cada gran home hai unha gran muller. No caso de Chano, non estaba só a amiga Mariluz, que tivo moito que ver no interese de Chano polo cinema. Tamén Pablo Barreiro, mesmo acompañando ó principiante nas curtametraxes cargando o equipo cando Chano aínda non era popular. Pablo e Chano medraron xuntos no Forcarei do anos 50, o de don Secundino, o cura; don Sabino, o xuíz; don Camilo, o mestre; don Paco, o alcalde; dona Carme Cubela, a mestra; o Ministro, taberneiro de pro; e don Paco Farria, o diletante máis inspirado para inspirar a Chano na súa composición dun personaxe que daría a volta o mundo da man de María Rosa da Regueira, levemente maquillada como Mamasunción. Pablo era a alma xemelga de Chano (tanto que, na biografía de Chano que me editou Fernvenza, confundín a foto do bautizo de Pablo coa do de Chano, e así quedou no libro). Foi a voz calada dos seus fotogramas; as notas fermosas no aire de Trasdomonte cando Caladiño remontaba a voo. Alégrome moito de que se vaia recoñecendo a traxectoria de Pablo, un home que sempre traballou caladamente, sen reclamar nada, sabendo que o seu labor é un dos fundamentais, sobre todo na radio, mais tamén na televisión galega. E tamén desexo que siga a ter éxito, porque o seu triunfo é tamén un pouco o triunfo desta terra, que ten moitos fillos espallados por alí e por acolá, e en tódolos lugares demostran que teñen unha base poderosa, que foron forxados nas terras de montaña, onde ninguén regala nada, onde todo hai que conquerilo a base de esforzo e vontade. O triunfo de Pablo é, coma o de Chano, coma o do seu irmán Xosé Luis, coma o do pintor Xosé María Barreiro, coma o de Avelino Senra, coma o de Rivas Troitiño, coma o de Canabal, o triunfo desa vontade e dese esforzo. Alégrome de verdade por el.