Que inze, por favor

GRACIA SANTORUM LÓPEZ

DEZA

TRIBUNA ABERTA | O |

24 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O PASADO 14 de Xaneiro os lalinenses puidemos acudir ao novo auditorio a admirar o quefacer teatral dun galego que triunfou alén das nosas fronteiras: Nancho Novo, co monólogo Defendiendo al cavernícola de Rob Becker. O auditorio quedouse pequeno e as entradas esgotáronse xa o mércores: todo un éxito. A obra levounos ás gargalladas durante hora e media e o público asistente saíu cun sorriso nos beizos; este sorriso non só vén provocado polo contido da obra, senón tamén polo pracer de ver un traballo ben feito, unha obra de arte ben rematada. É a mesma compracencia que sentimos cando admiramos un cadro, unha escultura, unha película, unha novela... calquera forma de cultura que nos fai sentir máis persoas. Iso precisamente é a cultura: o devezo de aprender, a satisfacción de medrar grazas aos labores doutras persoas que nos enriquecen e nos desenvolven como seres humanos. O espectáculo do que estamos a falar estaba subvencionado por Caixanova. Como tantos outros que chegan a lugares como Ourense e Lugo. Sería imposíbel esquecer Escenas de matrimonio , Arsénico, por favor , o teatro negro de Praga ou Los Angeles Jubilee Singers, todos eles subvencionados por esta mesma entidade. Sería posíbel que esta política de acercamento da cultura ao pobo galego incluíse a Lalín? Se botamos unha ollada a vilas tan cercanas e con características vitais semellantes como A Estrada notaremos unha gran diferenza de «cartel»: alí todos os meses hai oferta dalgún tipo de espectáculo; só en salas de cine estamos máis «completos». Lalín medra en edificios, en comercios, en bares... pero adoece sobre todo desta palabra esencial: CULTURA. Lalín non só necesita centros comerciais, senón unha oferta cultural ampla e accesíbel para todos. Esa é a verdadeira formación dun pobo. E a sua riqueza.