Semana do condón

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

22 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

DICÍA O ilustre Emilio Romero, mestre de xornalistas durante o franquismo, que o home que utilizaba bufanda ou condón é que non tiña confianza en si mesmo. Pero hoxe non imos falar de bufandas. Por suposto que hai que respectar cada postura. Don Manuel rematou a semana dicindo que el nunca o utilizara e morrería sen utilizalo. Postura razoable. Igual de razoable cá de aquel que non o saca nin para verter augas menores. A min o que me parece falto de fundamento é que a Santa Madre Igrexa se meta no carallo de cada un. Saír co que xa tiñamos esquecido hai anos, é dicir, que as cousas que dan pracer son pecado e traen funestas consecuencias, seméllame unha viaxe cara a atrás de proporcións cósmicas. Pero existe aínda un factor máis preocupante, que provocaría risa se non fose dramático: á Igrexa non lle preocupa a Sida, nin o feito de que cada ano haxa máis nais adolescentes. O que lle preocupa é a salvación da alma. Tal mostra de fariseísmo é unha das moitas cousas que descalifican a unha Igrexa que, de seguro, perdoará o uso do condón dentro de 400 anos, igual que fixo co malpocado de Galileo. Despois quéixanse de que non hai vocacións, de que todo se volve laico e de que a sociedade camiña cara a falta de valores. Non se dan conta de que o valor principal segue a ser a vida, pero digna e sen renunciar ós praceres, sen amargarse cada día co cilicio ou coa apelación ó socorrido val de bágoas. Segundo eles, débese sufrir -esa moral cargada de masoquismo que destila o Vello Testamento-. É dicir, Sampedro non tiña dereito a quitarse do medio; tiña que sufrir porque Deus así o quixera. Pero o dereito ó pracer non está permitido. En definitiva, e se me permiten unha conclusión tirada directamente das súas propias fontes, as prédicas da actual Igrexa (refírome á xerarquía, non o conxunto dos crentes) non se ateñen ó verdadeiro espírito de Cristo. Cristo mesturábase -así nolo fai ver o Novo Testamento- con pobres e con prostitutas. Actualmente A Igrexa que se di cristiá ameaza con excomungar ós cachondos e adora o carto do Opus Dei. ¿Qué dicir, pois? Nada, sinxelamente que cada un é dono do seu... xa me entenden.