Nadal postizo

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NON É que a min me importe particularmente o Nadal, pero xa non é o que era. Coma toda, vaia. Os Reis Magos xa non se orientan por unha estrela, senón por un mísil americano, e claro, pérdense. Papá Noel -ou Santa Claus- chega en trineo con GPS para adiantarse ó propio Nadal e con Visa Ouro para encher as ilusións dos nenos ricos. Nós esperabamos un camión de bombeiros de plástico e elas unha Nancy, agora non saben que elixir entre dez castes de Spidermans, doce de Hulk e 45 de Barbies, ademais de xogos electrónicos, futbolíns galácticos, equipos de maquillaxe -que deixan en ridículo á Señorita Pepis- deseñados polo mordomo de Claudia Schiffer, instrumentos musicais que acompañan a un Bisbal de cartón pedra e robots de compañía que che ladran en Do menor. O Nadal deixou de ser monárquico cando o príncipe Felipe se enterou de que, realmente (fíxense no dobre xogo da verba), os Reis eran os pais. Agora «reina» Papá Noel e os seus renos con turboinxección. Os arboriños de Nadal son de fibra de vidro e por eles xa non se vai ó campo, senón a Alcampo (fíxense de novo no dobre xogo verbal). Os nacementos cada vez son máis escasos (a pesar de que se montan moitos beléns), o boi e a mula xa non quentan coma a calefacción central, San Xosé todo o máis que conseguiu progresar foi mercar un seiscentos (segundo unha tradicional panxoliña) e a Virxe María xa non lava cueiros nin os tende no romeu, nin os anxiños cantan nin o romeu floreceu. Agora o Corte Inglés, para promocionarse, regaloulle unha lavadora Newpool e unha minicadea Sony para substituír ós anxiños, que andan desesperados nas listas do Inem. O Nadal xa non é o que era, nós tampouco somos o que eramos, a vida vainos castigando aínda sen termos culpa. Con todo, din que o máis prexudicado foi Marichalar, a quen o príncipe Felipe lle dixo, en primeira instancia, que os Reis eran os pais, pero, pola súa conta e risco, indagou, e rematou por se enterar de que, realmente, os Reis eran os sogros. Vaia putada de Nadal!.