Autor dos dous tantos roxinegros, o dianteiro liderou un traballado triunfo en Verín A falta de efectivos levou a Acevedo a botar man de Christian como xogador de refresco
06 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?o negro ao branco en mes e medio. O C.D. Lalín encadeou o domingo en Verín a súa sexta xornada sen coñecer a derrota, racha iniciada cun empate que poñía a finais de outubro o remate a outra racha de seis partidos sen gañar. Neste tempo, o conxunto roxinegro ascendeu desde o antepenúltimo posto da táboa ata o oitavo, no que figura na actualidade con 22 puntos. A 4 da zona de promoción de ascenso e con 9 de vantaxe sobre as prazas de condea a Rexional Preferente. En total, os homes de José Manuel Alonso Acevedo acumulan 14 dos últimos 18 puntos en xogo. Uns números sen dúbida excelentes que o cadro dezao tentará mellorar este domingo na visita do modesto Vilalonga ao Cortizo. O mérito do C.D. Lalín é aínda maior dada a falta de efectivos cos que afrontou os dous últimos encontros. Se o seu plantel xa é curto, as ausencias de Enrique e de Suso hai nove días fronte ao Negreira, e de Marcos, Ángel, Martin e Cea, contra o Verín, dánlle un valor engadido aos dous triunfos máis recentes. Finalmente, nin Cea nin Martin se deron recuperado dos seus problemas físicos, deixando a Acevedo con só catorce homes no desprazamento de antonte a Verín. Pesie a isto, e pesie á inclusión de tres xuvenís no once titular, o Lalín soubo controlar o choque, chegando a dispor de máis e mellores ocasións para batir a portería rival. Pero todo puido ser ben distinto de non ser pola figura de Javi López. Alineado de partida na mediapunta, enlace entre o centro do campo e David Soares, substituto dun Senel tocado por unha recente gripe, Javi marcou o 0-1 e o 1-2 final converténdose en todo un pesadelo para a zaga local ao longo do partido. Como anécdota, apuntar a saída ao campo no minuto 89 do porteiro suplente, Christian, que a falta de efectivos tivo que suplir a Dani no terceiro e derradeiro troco lalinense.