TRIBUNA ABIERTA | O |
09 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.COMO CADA día que acendo o meu televisor, podo ver unha publicidade que nos demostra que a enerxía máis rendible é a que non se consume. Desde Vila de Cruces, pregúntome se os nosos veciños non se perderon algo, como se nos perdésemos no tempo. A empresa con máis peso no concello éo a través do encoro de Portodemouros; é unha das grandes eléctricas de España: Unión Fenosa. Para os cruceños, Unión Fenosa non é signo de progreso nin de futuro, senón de humillación e de destrución. Non existe ningunha persoa neste pobo, que non se vexa afectada dun ou doutro xeito por tal empresa, que impón a súa decisión a golpes de sentencias e de porras da garda civil. Para colmo esta empresa tan limpa e benevolente, non paga os seus impostos nin respecta os seus contratos. Por iso pretende que sexa unha sentencia xudicial a que a obrigue a pagar o IBI actualizado ou facilitar un ferry acorde ao pactado. Esta empresa, que pide aos seus clientes que primeiro paguen e despois reclamen, está dando un moi mal exemplo, mostra da fame de beneficios propios e de desidia ante todos nos. Non podo parar de preguntarme porque perto dun dos maiores encoros do país, unha nai ten que esperar a que o seu marido remate de muxir, para poder acender a calefacción e así poderlle cambiar os cueiros ao seu recen nado. Porqué cada noite moitos veciños apagan as súas luces e televisores para poder sacar adiante unha explotación gandeira, que nunca consegue abastecerse coa enerxía suficiente. Ademais, moitas liñas eléctricas impoñen os seus nefastos efectos sobre a nosa saúde sen que poidamos aproveitarnos do que para moitos accionistas é un paso cara o futuro. Eses mesmos accionistas nos consellos de administración condenan lugares naturais a unha completa destrución para producir unha enerxía que se nos vende coma máis limpa. Toda esta falta de vergoña, destínase a producir máis enerxía que lonxe de mellorar a nosa calidade de vida, condénanos a pagar máis. Esa electricidade tan limpa que producirán as nosas magníficas minicentrais, so servirá para abastecer comunidades cada vez máis nacionalistas que aceptan o mellor de nós, pero que rexeitan compartir a súa riqueza. Xa é hora que reclamemos o que é noso e que poidamos traballar sen que iso supoña un pouco menos de calidade de vida, e un pouco menos de riqueza. Xa é hora de que ese progreso que tanto dano fai ao noso entorno sexa noso, como noso é o entorno que vai albergar as minicentrais.