En dos minutos | A Anpa do Manuel Rivero crea un Club de Cociña Setenta alumnos do colexio de Lalín participan nunha actividade pioneira
23 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Non foi doado argallar unha actividade extraescolar destas características pero, gracias a colaboración desinteresada de asociacións e establecementos e ao tesón dos pais e nais do centro lalinense, acaba de nacer o club de cociña O pequeno chef , posto en marcha pola Anpa do colexio Manuel Rivero de Lalín. Fomentar hábitos de nutrición saúdable dende a infancia é o obxectivo deste club no que participan setenta entusiastas alumnos do centro educativo, que cursan de entre 3º e 6º de Primaria, e que ven a dar resposta a unha demanda crecente dos pais respecto a saúde dos seus fillos. O primeiro paso foi confecionar gorros de chef para os cativos para que se sentisen protagonistas reais desta actividade, que arrancou co novo curso e terá continuidade ata xuño. Así, dun xeito divertido e ameno os rapaces estánse a introducir no mundo da cociña sana e equilibrada. Nas primeiras clases xa aprenderon a elaborar batidos e xa se lles deron explicacións sobre a importancia das froitas na alimentación. O pasado venres tocoulle o turno ás pastas alimenticias. Para elo, unha vintena de rapaces achegáronse ata a pizzería Venezia, sita en Lalín, onde puideron ver de preto como se elabora unha pizza. Pero as ensinanzas prácticas non rematarán aquí xa que os alumnos coñecerán os segredos da elaboración do pan e os pasteis, gracias a colaboración de moitos profesionais da vila. As clases teóricas serán impartidas por pediatras, farmacéuticos e enfermeiros que se amosaron dispostos a darlle aos rapaces charlas amenas e divertidas. Outra das pretensións deste club é levar a cabo proxectos solidarios. Nese senso, os rapaces compartirán unha merenda sana cos anciáns da residencia e pasarán con eles unha tarde co gallo de intercambiar experiencias.