? primeiro derbi estradense da historia na Liga Galega Xuvenil saldouse onte en Figueroa con victoria para o Callobre por 0-1. Iago, nunha gran cantada do porteiro local, subíu ao marcador o único tanto dun encontro malo e sen a penas ocasións de gol. O Sporting Estrada comezou dominando o duelo, botando atrás aos rapaces de Rivadulla no primeiro cuarto de hora. O Callobre reaccionou e no minuto 20 protestoulle ao árbitro por non sinalar o que considerou un claro penalti por agarrón a Manuti dentro da área rival. Ningún dos dous equipos chegou con claridade á portería contraria no primeiro período. Pero nunha xogada sen perigo ningún, Diego servíulles en bandexa o triunfo aos visitantes. Nun centro pechado desde a banda o porteiro local pedíu o balón, pero non foi quen de atrapalo e no rexeite Iago aproveitou para marcar. Era o minuto 30. Na reanudación o Callobre apostou por ralentizar o xogo buscando continuas interrupcións. Replegado na súa área, apostou polo contragolpe como arma creando así tres boas ocasións de gol. Tralo encontro, o técnico do Sporting, Pitu, lamentou o resultado: «O empate a 0 sería o resultado xusto. Na primeira parte tratamos o Callobre de ti a ti e o gol foi un fallo noso. Na segunda metade os seus dianteiros creáronnos moito perigo». Pola súa parte Rivadulla, que sumaba a súa terceira victoria consecutiva, recoñeceu que «o mellor que nos puido pasar foi gañar», se ben apuntou que «se alguén mereceu levarse os puntos fumos nós. O Sporting non puxo nin unha soa vez en perigo a nosa portería e nós puidemos meterlles tres goles».