A BALADA DO CANDÁN | O |
18 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.CITEI HAI dúas semanas a Claudio Rodríguez a través dunha frase que lle acae como anel ó dedo á película de Alejandro Amenábar. Claudio dicía que a vida non é poesía, pero a poesía é vida aínda que fale de morte. A vida de Ramón Sampedro foi poesía que falaba de morte. A Ramón frecuentábao unha morte tan aloumiñeira e amistosa que non cabía imaxinar nela ningunha caste de perdición. Ramón estaba tan namorado da vida que ter que tan só sobrevivir era unha lousa en riba do seu insensible corpo e do seu demasiado sensible corazón. Savater di que o suicidio, en ocasións, pode ser unha saída moi digna. Un ve o deterioro e elixe a morte antes de que a morte o elixa a el. Non se escandaliza por ese xeito de se desprender da vida. O que lle molesta é o laioso, o que pide continuamente o libro de reclamacións. Pero o que salta ó baleiro desde un sétimo piso, ese merece, alomenos, o noso silencio. Canto máis non o merecerá o que, coma Ramón, ten sufrido case trinta anos con un paupérrimo sucedáneo da vida. Todos estamos na gaiola do tempo que nos conduce á morte. Que un se adiante para non estar neste val de bágoas cando realmente sofre non creo que sexa un pecado nin mirado desde a máis estricta concepción relixiosa. Por iso está tan lograda a escena na que Amenábar coloca nun careo maxistral a Ramón e ó crego tamén tetrapléxico. Porque o crego recorre á necesidade do sufrimento, representa -este crego, alomenos- a épica imbécil e masoca que se empeña en sublimar o sacrificio e a renuncia. Creo que Amenábar logrou dar na diana. A película é unha homenaxe a un poeta da vida como foi Ramón. Esta película, que non deixa de ser un bo poema, xustifica a particular loita por morrer de Ramón, que escribía con máis autenticidade da que poidamos facer gala calquera dos que nos dedicamos ás letras. Esta película fai crer no que dicía Garci: «un bo guión ten sempre a temperatura dunha caricia lenta», e no que sinalaba Rossellini: «Eu non quero demostrar, senón mostrar», porque esta película, mostrando, xa demostra. Rochi@forcarei.net