Reportaxe | Artesáns da gaita galega Antón Corral e Xosé Manuel Seivane levan case toda a vida no oficio da artesanía de punteiros. Hoxe o seu traballo vai ser recoñecido cos premios do Gaiteiro de Soutelo
20 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A gaita é o instrumento máis característico de Galicia e se cadra, tamén o máis coñecido fóra das fronteiras do país. Os gaiteiros son os que levan o son galego por todo o mundo pero estes non triunfarían se non houbese alguén que dominara o arte de face-lo punteiro. Antón Corral e Xosé Manuel Seivane son dous dos artesáns máis famosos de Galicia que propiciaron a evolución do son da gaita. Hoxe, na Festa do Gaiteiro en Soutelo de Montes, recibirán o recoñecemento a toda unha vida dedicada ó traballo artesanal. Ambolos dous son autodidactas, ninguén lles ensinou os segredos do oficio, pero pouco a pouco foron creando escola. A familia Seivane forma toda unha canteira de gaiteiros. Xosé Manuel, con tan só dezaoito anos, fundou en 1939 o seu obradoiro de gaitas na aldea de Fonmiñá, en Lugo. Agora, dende 1994, o taller está instalado en Cambre. Van máis de 60 anos de traballo familiar. Aínda que o patriarca xa está retirado, tras el veñen todos uns artistas como a súa neta, Susana Seivane, ou os seus fillos Álvaro??e Xosé, que se encargan do obradoiro. O coruñés, Antón Corral, comeza a exercer de artesán pola súa conta na casa en 1974, pero seis anos máis tarde crea o taller de artesáns Soutelo de Montes, en Lugo. Despois, dende 1983 ata o 2000, trasládase a Vigo onde exerce como profesor-artesán do Obradoiro Escola de Instrumentos Populares da cidade no que tivo unha actividade moi intensa. Alí formou un grupo didáctico importante con alumnos como Carlos Núñez, Budiño ou Anxo Lorenzo,?que ademáis de toca-la gaita tamén aprenderon o oficio de artesán. Por aquel tempo, creou como unha actividade máis do taller a Banda de Gaitas Xarabal, que na actualidade colleita moitos éxitos. Tanto Corral coma Seivane xa están retirados, pero non se desligan de todo das pezas da gaita. Xosé Manuel, ós seus 83 anos, non perde de vista as actividades do obradoiro da familia e Antón mantén o seu pequeno taller na casa e segue atendendo encargos especiais que lle fan gaiteiros xa consolidados, ou por exemplo, grupos folk de Valladolid ou de Barcelona.